Presentación do GRUPO LITERARIO LEIRAS PULPEIRO
Os que conforman o Grupo Literario Leiras Pulpeiro teñen como referente humano ao médico, poeta, político e humanista Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912). Este Grupo, composto por máis de trinta persoas do mundo das artes, a cultura ou a investigación, pretenden reivindicar a figura de Leiras Pulpeiro tanto dende o ámbito literario e académico coma dende o ámbito persoal, xa que o consideran un home adiantado para a súa época.
O 7 de xullo de 2013 constituiuse o Grupo Literario Leiras Pulpeiro. Un total de doce persoas asinaron a súa constitución sobre a súa tumba a modo de homenaxe: Ramón Reimunde, Xe Freire, Antonio Reigosa, César Morán, Isabel Morán, Fran Bouso, Jesús Chao, Ernesto González, Matías Escaleras, Elías Noel Fernández, Julia María Labrador e José Luis Fernandez Ansedes, entre outros.
O Grupo Literario ten preparadas unha series de actividades coas que van retomar, lembrar e render homenaxe á figura do singular personaxe mindoniense que elixiron como trasunto da súa formación. A constante deste grupo é un amor por Mondoñedo, a literatura e a consciencia da necesidade de rescatar e dar aínda máis valor á figura deste médico e escritor nacido na cidade episcopal en 1854 e falecido en 1912 deixando tras de si a pegada tal vez máis importante que poida deixar un ser humano: a sensación de ser unha excelente persoa.
No acto de presentación intevirán Ramón Reimunde e Xe Freire, membros do Grupo; Julia María Labrador, promotora do Grupo; e Ángel Basanta, catedrático de Literatura Española e presidente da Asociación Española de Críticos Literarios.
O acto rematará coa actuación final do cantautor César Morán, que tocará os poemas musicados de Leiras.