Presentación do libro "Claves para vestir bien sin arruinarnos en el intento", de Begoña Peñamaría Marcos, publicado por Hércules de Ediciones
A deseñadora galega Begoña Peñamaría publica un libro coas claves para aprender a vestirse de forma adecuada en cada momento e sacar máis partido á roupa que temos.
Acompañará á autora na presentación do libro, a xornalista da cadena COPE Rosa Rosado e a editora Laura Rodríguez Herrera.
O libro está dividido en dous grandes bloques. Un deles, centrado en ofrecer unhas pautas para saber comprar e crear un fondo de armario; e o segundo deles, ofrece ideas para acertar nunha voda ou outra clase de evento.
Trátase, pois, dun manual repleto de claves para vestirse de forma adecuada en todos os momentos e facetas da vida, ademais de consellos para construír un bo fondo de armario, comprar nas rebaixas, facer ben a maleta e, sobre todo, sacar o maior partido posible á roupa que xa temos. Evitando que nos convertamos en escravas da moda e que tiremos o diñeiro comprando mal ou máis do mesmo, a autora comparte toda a súa experiencia para que aprendamos a sacarnos o máximo partido posible, pero sen arruinarnos no intento.
Este manual de estilo enmárcase dentro da colección da editorial galega "Presente y Perfecto" na cal se avoga por impulsar temas de actualidade na nosa comunidade, pero con proxección nacional.
Begoña Peñamaría Marcos nace na Coruña en 1971. As súas inquietudes creativas desde pequena e a súa paixón pola moda e a imaxe lévana a cursar os estudos de "Deseño de Moda". Tras concluír a dita formación, abre na cidade que a viu nacer un taller con tenda propia no que se comercializan en exclusiva os seus deseños de noiva e de cerimonia.
A súa paixón pola literatura e a súa admiración pola súa antepasada Elena Quiroga, lévana a escribir e a publicar as novelas: Dejadme marchar -tamén presentada na Casa de Galicia- e Una vida esperando; sendo esta última galardoada co prestixioso premio Fernando Arenas Quintela.
Desde 2015, Begoña escribe artigos para El Correo Gallego, nos que deixa entrever a súa faceta máis humanista.