Presentación do libro de viaxes GALLEIRA PASSPORT. Crónicas viaxeiras do século XXI, de Luís Menéndez, publicado por Alvarellos Editora
Son relatos de viaxes con historias que atrapan dende o primeiro intre, historias cheas de humanidade e de humor descubertas e contadas polo autor das series documentais da Televisión de Galicia Terras de Merlín, Terras do Leste e Terras de Acolá.
Galleira é Galicia na xerga gremial dos afiadores, o irónico e mundial barallete. (O barallete é un argot utilizado polos afiadores e paraugueiros da provincia de Ourense. Trátase do galego da zona, substituíndo algunas palabras por outras sen ningunha conexión lingüística. Isto provoca que persoas alleas ao oficio non poidan entendelo). O termo serviulle de alicerce a Luís Menéndez, xornalista ambulante, para ganduxar tres inesquecibles travesías polas realidades multiculturais de 26 países. Desde Irlanda a Bretaña, desde Estonia a Chipre, de Brasil e Timor-Leste ata Mozambique. Do percorrido saiu un libro que o autor, Luís Menéndez, presenta agora en Madrid. O título é, 'Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI', está publicado por Alvarellos Editora, na súa Colección Oeste, e conta cun limiar de Manuel Rivas.
O acto será presentado polo escritor e xornalista Carlos G. Reigosa e intervirá o propio autor, que estará acompañado polo editor Henrique Alvarellos. A presentación do libro finalizará cunha actuación especial onde soará música gaélica.
Luís Menéndez Villalva (Ourense, 1959) é licenciado en Xornalismo pola UCM (1981). Desenvolveu unha ampla traxectoria profesional internacional tendo sempre como pivote a súa terra, Galicia. Especialista no Camiño de Santiago, foi galardoado co Premio Nacional “Álvaro Cunqueiro” (1982). Traballou en numerosas publicacións de prensa, radio e televisión, e foi un dos pioneiros da TVG desde onde creou a serie dos galegos no mundo pola que recibiu o Premio Galicia de Xornalismo (1990). Tamén, entre outros moitos proxectos multimedia, elaborou a triloxía documental das Terras de Merlín, Terras do Leste e Terras de Acolá, un compendium de diversidades culturais destiladas neste libro. É moi coñecido tamén o seu labor a prol dos dereitos dos xornalistas e da liberdade de prensa que defende desde o seu posto electo (Dublín, 2013) no comité executivo da International Federation of Journalists. Galleira passport é a terceira obra do autor despois de Toda Terra é dos homes. Galegos no Mundo (1993) e Vida e viaxes na Galeguidade (1997).