Presentación do libro, editado por Clan Editorial, "EL MORENO DEL LÉREZ. PERDICES, TRUCHAS Y UN TRAGO DE RIBEIRO", de José Curt
Este escritor, amante de Galicia e de Pontevedra, escribiu desde o seu exilio sentimental madrileño, a biografía novelada de Manuel Sánchez, el Moreno, famoso trampeiro, pescador e furtivo que acompañou a Francisco Franco na pesca do salmón no río Lérez.
No acto de presentación do libro participarán Nacho Fernández Rocafort, gestor cultural educativo, docente e escritor; e José María Parreño, profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid.
"El Moreno del Lérez. Pérdices, truchas y un trago de Ribeiro", conta as aventuras e desventuras dunha persoa real e irrepetible, moi coñecida en Pontevedra e un mito entre os pescadores de cana e cazadores de escopeta. El Moreno (1925-2003), a pesar da súa fama de rebeldía, era un dos maiores defensores do río Lérez. O autor defíneo como un vello e querido amigo, ademais dunha gran persoa. Vivía no lugar de Outeiro-Lérez, e pescaba, cazaba e trampeaba nun tramo de río que lle caía máis a man.
Nas páxinas do libro apreciamos unha serie de valores que van máis alá da escopeta e da cana: a descrición de escenarios naturais, unha peculiar filosofía de vida e unha linguaxe especial, ligada precisamente aos usos e costumes do campo e das súas xentes. Este libro transcorre nunha Galicia secreta, salvaxe e remota. Unha esquina de España na que a vida foi sempre dunha dureza especial e onde a supervivencia estivo ás veces por encima da lei.
El Moreno, pescador e cazador con aptitudes excepcionais, con gran coñecemento do medio e un inusual talento natural, bordea a marxinalidade porque a sociedade do seu tempo non lle ofreceu mellor lugar. Esta condición extrema reflíctese na súa linguaxe, moitas veces tremendista e procaz, pero tamén chea de graza e de puntería verbal. A súa é unha fala sen domesticar, propia dalguén que tivo que arrincar coas mans espidas as súas presas á natureza, dando lugar a lances de caza e de pesca que a miúdo raian no incrible.
Neste volume aparecen citados personaxes e familias de Pontevedra, entre outros, Jesús Maquieira, Ricardo García Borregón, Antonio Puig, Benito Malvar, Tito Vázquez ou Castro Rial, polo que pode ser de gran interese, non só para amantes da pesca e a caza, senón para os lectores aos que lles interese a historia de Galicia e, en concreto, de Pontevedra.
JOSÉ CURT, Coronel de Intendencia da Armada, hoxe retirado, enxeñeiro técnico agrícola, licenciado en Ciencias Biolóxicas e técnico bromatólogo pola Complutense, escribiu unha docena de libros e centenares de artigos peridísticos.