Presentación do libro, editado por Ibersaf Editores, ANÁLISIS DE UNA ÉPOCA, de Enrique Santín
O acto de presentación do libro será presidido por. D. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
"Análisis de una época" recolle os artigos publicados por Enrique Santín ao longo de catro décadas en distintos medios de comunicación nos que colaborou de forma asidua: Madrid, Pueblo, Arriba, Informaciones, Ya, Abc, El País, El Correo Gallego e El Progreso de Lugo, xunto con algúns escritos que permanecían aínda inéditos.
Desde a perspectiva do tempo transcorrido, o lector comprobará que os escritos deste humanista librepensador nos resultan sorprendentemente actuais; a súa análise política, certera e clarificadora do momento presente, e as súas propostas, tremendamente vixentes.
De aí a importancia de recompilar este valioso testemuño do tempo da transición democrática española, contado desde a posición privilexiada de quen viviu moitos deses acontecementos históricos en primeira persoa.
O libro foi prologado polo presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, quen, desde a admiración e a amizade persoal, sintetiza con gran precisión a aportación dos escritos e a traxectoria profesional de Enrique Santín á España democrática actual. Séguelle unha introdución doutro galego ilustre, Fernando Ónega, en homenaxe ao espírito asociacionista de Santín e a súa contribución aos galegos de dentro e fóra de Galicia. O corpo da obra estrutúrase en diferentes bloques temáticos: o primeiro deles constitúe unha mirada lúcida sobre Galicia e a alma galega; continúa cunha análise da España da transición desde as súas diferentes vertentes: social, política, económica, de goberno, autoritarismo e democracia, capitalismo e marxismo, seguridade e orde pública, organización territorial do Estado, crítica ao poder político; para cerrar con dous artigos sobre a Xustiza e as súas relacións coa política, e o desempeño da profesión de avogado como referente ético da sociedade.
ENRIQUE SANTÍN é natural de Lugo. Obtivo o Premio Extraordinario Fin de Carreira na Facultade de Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e graduouse en Estudos Sociais na Escola Social da devandita universidade. Personalidade de recoñecido prestixio no ámbito xurídico, alternou o exercicio da Avogacía co desempeño da docencia como profesor de Dereito Romano na Universidade Complutense de Madrid.
Conta cunha destacada traxectoria na Administración Pública: delegado de Información e Turismo de Lugo, Asturias e A Coruña; ponente rexional de Turismo do Consello Económico e Social de Galicia; xefe da Inspección Xeral de Servizos do Ministerio de Información e Turismo; secretario xeral do programa de promoción Profesional Obreira; asesor da Dirección Xeral de Promoción Social do Ministerio de Traballo; xefe de distintos gabinetes técnicos no Ministerio de Traballo, no da Presidencia do Goberno, Gobernación e Interior, e Secretario Xeral Técnico do Ministerio do Interior.
Foi fundador e presidente de honra da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, presidente da Federación de Asociacións de Empresarios Galegos no Exterior e da Asociación Cultural da Vieira, exvicepresidente do Centro Galego de Madrid, socio de honra da Asociación de Médicos Galegos, do Club de Periodistas Galegos en Madrid, etc.
Desde 1980 dedicouse á empresa privada: fundou e preside o Grupo de Empresas CLINER, e é presidente das sociedades ACUMULA S.A., AGARIMARIA S.A., BARXA MAYOR S.L. e KAPA INTEGRAL S.A.
Foi distinguido con numerosas condecoracións: ao Mérito Civil, Alfonso X El Sabio, Cardenal Cisneros, Mérito Militar con distintivo branco, San Raimundo de Peñafort, Comendador da República Italiana, Medalla de Ouro da Cámara venezolano-española de Industria e Comercio, Insignia de Ouro da Asociación de Médicos Galegos e Medalla "Paul-Harris Fellow" de Rotary International.