Presentación do libro, en edición bilingüe, HAI TANTO QUE NON ESTABAS/HACE TANTO QUE NO ESTABAS, de Vicente Araguas, publicado por Amargord Ediciones
É un libro elexíaco, arredor dalguén que o autor quixo recuperar logo de tantos anos de distanciamento.
Escrito en galego e editado tamén en castelán, a obra mistura o verso coa prosa poética. Araguas bota man de novo da poesía como terapia, para explicar aquilo onde non pode chegar a filosofía.
Acompañará ao autor na presentación Luis Luna, escritor e director da colección Fragmentaria.
Neste libro o autor, lonxe de axustar contas co pasado, pretende situar este no sitio que lle corresponde. Para o que recupera, ou tenta recuperar, vivencias, sentimentos, amores e frustacións con quen xogara un papel importante na súa vida e hai moito que deixara de facelo.
Vicente Araguas. Natural de Xuvia - Neda (1950), converteuse en escritor en galego vivindo en Escocia. Acabaría instalándose definitivamente en Madrid, onde hoxe leva xa catro décadas.
Ademais de escritor de fondo, mantén un longo percorrido na docencia. Licenciado en Filosofía e Letras, é doutor en Filoloxía Inglesa cunha tese ao redor do mundo poético de Bob Dylan. A súa ampla bibliografía (novela, ensaio, narrativa breve, traducións) acompáñase de milleiros de artigos en prensa diaria e revistas literarias.
Desde o seu xa afastado debut poético con Paisaxe de Glasgow (1978) ata o libro que acaba de publicar, Hai tanto que non estabas, Araguas publicou unha ducia de poemarios en galego, recollidos en Maneiras de querer (2005); aínda que Xuvia revisitada (2008) e Cando fóramos nevar (2013) viran a luz con posterioridade.
Versionado ao inglés, catalán e italiano en diferentes antoloxías, o propio Vicente Araguas é tradutor de poetas como Seamus Heaney, Derek Walcott, Alberto Calligaris ou Vittorio Gassman.
Crítico literario en activo, El Urogallo, Ler, Revista de Libros ou Nordesía dan testemuña do seu traballo neste territorio.
Colaborador das actividades poéticas da Casa de Galicia en Madrid durante a etapa dirixida por Alfonso S. Palomares, Vicente Araguas articulara nela as proveitosas "Estacións Poéticas", polas que pasou a flor das poéticas galegas, españolas e portuguesas.
Nos últimos tempos Araguas traballa, sendo director xunto ao editor Sabino Torres, na preparación da revista de poesía Bilbao, aglutinadora da vida literaria galega asinada desde a capital do Estado, e filla do lonxevo faladoiro regular que manteñen.