Presentación do libro FALEMOS DE OURENSANÍA, de José Manuel Baltar Blanco, editado por AUGA EDITORA

Eventos
10/08/2013
10/08/2013
08/10/2013

Presentación do libro FALEMOS DE OURENSANÍA, de José Manuel Baltar Blanco, editado por AUGA EDITORA

-

É un libro no que resume, con toques autobiográficos, o seu modelo político e de xestión. No acto de presentación intervirán José Manuel Barreiro Fernández, senador; Bieito Rubido Ramonde, director de ABC; e Xosé A. Perozo, editor, que conversará co autor.

Manuel Baltar pertence á nova estirpe de políticos galegos educados ao mesmo tempo que o proceso democrático arraigaba na sociedade española. Neste libro amósase como un home fortemente vinculado á terra, ás tradicións, á lingua e á cultura galega, pero coa mirada posta no futuro e no esforzo pola superación persoal e colectiva.

Nun momento no que o papel das deputacións provinciais é cuestionado, Manuel Baltar reivindica a provincia como demarcación territorial necesaria, como plataforma para a articulación do territorio con criterios modernos, e o seu Goberno como instrumento de vertebración da provincia de Ourense, con especial atención á recuperación do mundo rural.

Recolle neste libro o seu pensamento sobre a realidade da Galicia galeguista dentro da España das Autonomías. Tamén fala da necesidade de reformas para dignificar e dar credibilidade á xestión política presente e futura, entre outros moitos temas. Non estamos diante dun libro de memorias dun político ao final do camiño. Son reflexións dun corredor de fondo con propostas interesantes e innovadoras dentro do pensamento galeguista, liberal e reformista.

JOSÉ MANUEL BALTAR licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. É letrado do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense. Desde 1991 vén desenvolvendo un amplo labor profesional e político. Exerceu como xefe do servizo técnico-xurídico da Consellería de Agricultura en Ourense ata o seu nomeamento como delegado provincial en xaneiro de 1998. En 2001 foi elixido por primeira vez deputado por Ourense ao Parlamento galego. Desde 2012 preside a Deputación de Ourense.

No ámbito autonómico pertence ao comité de dirección, ao comité executivo e á xunta directiva do Partido Popular de Galicia.

Socialmente se amosou activo impulsor e organizador de actividades culturais e deportivas. Pertenceu ao pleno da Cámara de Comercio e Industria de Ourense. Especialmente activo nas redes sociais, sendo un dos políticos galegos pioneiros en internet. Foi presidente fundador de "Atlántida", Instituto Ourensán de Estudos Sociais e Políticos, e notable impulsor do movemento denominado Ourensanía.

08 Octubre 2013
Eventos
Imaxes