Presentación do libro "LA FAUNA EN LA OBRA DE RUIBAL", publicado polas editoriais Bricmas e Follas Novas
Trátase dunha compilación seleccionada, proposta nun volume de gran formato, con abundancia de imaxes desdobrables, que recolle parte da obra faunística do pintor pontevedrés, maioritariamente sobre papel en moi diversas dimensións, pero que tamén deixa sitio para as súas proxeccións noutras técnicas pictóricas e tamén na escultura.
O pintor pontevedrés, Manuel Ruibal, presenta un libro no que plasma unha selección da súa obra faunística, que inclúe de baleas a hienas, galos, patos e serpentes en formatos desde a pintura ao debuxo ou escultura, a maioría inéditas. Editáronse 500 exemplares da obra e 100 deles inclúen serigrafías numeradas e asinadas polo autor.
Ruibal é un pintor e poeta da pintura que sempre se nutriu da experiencia sensorial da natureza, día a día. E neste libro vólcase tanto que o resultado é abrumador; máis que fauna, o que Ruibal pintou é toda unha Historia Natural e o extraordinario libro que agora nos ofrece ben podería chamarse, á maneira antiga, De Naura. Ábrese o libro e iníciase un percorrido. O meditado vértido da man do pintor levaranos ata os peixes en alta mar, ata as serpentes e as garcetas. Cando a obra se pecha, péchase un libro de arte que é arte de maxia.
As edicións do libro están moi coidadas, realizadas por Gráficas Anduriña, e ofrecen incluso un despregable que contén unhas 170 imaxes de toda a súa obra tanto en debuxo como en pintura e escultura. Recóllense recreacións de galiñas, gatos, xirafas, peixes e serpentes.
O artista destaca que á fauna está dedicada a súa última etapa creativa.