Presentación do libro "La felicidad en el trabajo... y en la vida", de SANTIAGO VÁZQUEZ, publicado por Actualia Editorial
Áxil, dinámico e intenso. Un libro de gran utilidade para adaptarse a un mundo en continuo e profundo cambio, afrontando o reto da competitividade empresarial a través do capital humano. Desde unha dimensión eminentemente práctica, Santiago Vázquez adéntrase nas dimensións da felicidade e en como podemos abordala na nosa vida profesional e persoal.
"La felicidad en el trabajo... y en la vida" é un libro que está cheo de reflexións, investigacións e exemplos de gran utilidade para axudarnos a crecer como profesionais e como persoas, poñendo o centro de atención na nosa propia responsabilidade como a clave esencial para conseguilo.
O enfoque deste libro é toda unha ruptura de estereotipos para o mundo da empresa. Con este libro o autor conseguiu facer manexables conceptos científicos sobre a felicidade para poder aplicala na vida diaria.
¿É posible ser feliz na vida sen ser feliz no traballo? Fronte á concepción do traballo como castigo que nos impide ser donos do noso tempo e dedicalo ao que realmente nos gusta, o autor, a través de Psicoloxía Positiva e de anécdotas extraídas da súa experiencia persoal e profesional, danos as claves da necesidade de ser feliz no traballo para ser feliz na vida.
No acto de presentación do libro participarán, ademais do autor, a directora de Actualia Editorial, Cristina Seco; o prologuista do libro, Juan Carlos Cubeiro;e o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaria.
SANTIAGO VÁZQUEZ é sociólogo, economista e licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, ademais de PDD polo IESE. Leva máis de vinte anos traballando na xestión de persoas en España, República Dominicana e Filipinas.
Relator e conferenciante especializado en motivación, liderado, coaching e felicidade no traballo, participa activamente en diferentes programas de formación de diversas universidades e escolas de negocios contribuíndo, con toda a ilusión, ao contaxio da gripe H (Happiness at work, felicidade no traballo).
A visión positiva do traballo e as súas propostas de intervención constitúen unha innovadora aportación á reinvención do maganement.