Presentación do libro "La traición en la historia de España", de BRUNO PADÍN PORTELA
En case 700 páxinas de texto, cunha extraordinaria biliografía e relación de fontes impresas, o autor reflicte unha das cuestións máis sanguentas das relacións humanas: a traizón. Con este libro, o seu autor sente a necesidade de presentar unha historia afastada de manipulacións e falsidades.
Un imprescindible ensaio cultural sobre a nosa historia na que a traizón e o traidor aparecen configurados como unha especie de maldición na historia de España.
No acto de presentación, acompañarán ao autor: Bieito Rubido, director do ABC; e Tomás Rodríguez, de Ediciones Akal.
Todas as historias, xa sexan de cidades, reinos ou nacións, son narracións lineais nas que o seu protagonista desenvólvese nun tempo continuo que vai desde as orixes ata o presente. A historia constrúese a partir de datos, feitos e personaxes reais, pero os historiadores seleccionan algúns feitos e deixan de lado outros, ou lles conceden pouca relevancia. É a partir deste proceso de selección como se escriben os relatos das historias de España, desde a Idade Media ata o presente, dándolles a eses relatos un determinado sentido político e moral.
Nas historias de España hai un tema omnipresente: a traizón e os traidores. Xa na Antigüidade clásica temos os casos de Viriato ou Numancia; na historia medieval atopámonos co tema da perda de España e a traizón do conde don Julián e cos grandes poemas épicos da traizón como o Cantar do Mío Cid; e nos períodos moderno e contemporáneo temos numerosos exemplos de traidores, individuais ou colectivos, que rompen o seu pacto ou xuramento de fidelidade ao rei e en moitos casos queren apartalo do trono, sexan estes o príncipe Carlos, Antonio Pérez ou movementos sociais como os comuneiros e as sucesivas revoltas que tiveron lugar en Cataluña.
Xunto a estes traidores politicamente activos hai tamén grupos ocultos e aos que se supón permanentemente acazapados, que constitúen a figura do inimigo interno. Os protagonistas fundamentais serán os xudeus, logo convertidos en marranos, os moriscos e, na época contemporánea, os masones e a súa sociedade secreta, os liberais e afrancesados e os comunistas eternamente conxurados.
Estes dous modelos, o traidor politicamente activo e o inimigo oculto, pasarán da historiografía española ás tres historiografías nacionalistas: a galega, co seu enfrontamento entre o celta e o romano ou o español; a vasca coa súa reivindicación da pureza de sangue; e a historiografía catalá, co seu contraste entre cataláns e españois. Todos estes temas poden verse ao longo deste libro, no que a traizón e o traidor aparecen configurados como unha especie de maldición na historia de España.
Bruno Padín Portela é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e publicou diversos traballos nas revistas especializadas nos temas de historiografía española.