Presentación do libro NO TEMPO DE "FOLLAS NOVAS". UNHA VIAXE POLA LITERATURA UNIVERSAL, de M. Pilar García Negro, publicado por Alvarellos Editora
Con esta publicación, a autora pretende ir un paso máis alá do seu anterior traballo Cantares gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro. Un labor para o que contou coa colaboración de escritores de personalidades moi variadas, desde expertos na obra de Rosalía de Castro, ata especialistas da literatura universal.
Intervirá no acto, ademais de M. Pilar García Negro, a coautora Marica Campo; o escritor Vicente Araguas; a presidenta da Asociación Rosalía de Castro, Marisa Vázquez Barquero, e o editor Henrique Alvarellos.
Mª Pilar García Negro convoca un excelente elenco de docentes e escritores nun libro coral. Nel leremos textos de autores contemporáneos de Rosalía de Castro, nun diálogo literario que arrinca como primeira obra escolmada de Follas novas (1880).
Este ensaio demostra, con valentía e orixinalidade, como os debates ideolóxicos e estéticos no mundo do XIX están presentes na nosa escritora, e como, dende Galicia, se pode emprender unha viaxe á literatura universal.
Este último traballo da profesora da Universidade da Coruña ten como propósito por un lado, salientar que é xustamente a obra rosaliana a que sitúa coa máis alta calidade a literatura galega contemporánea no panorama internacional das letras. E por outro lado, que na proposta da profesora García Negro conversan con Rosalía figuras consagradas doutros sistemas literarios, próximos tanto lingüística e culturalmente (cal o catalán, español, o francés ou portugués) canto máis afastados (como é o caso do inglés, do ruso etc.).
María Pilar García Negro (Lugo, 1953) leva consagrada parte da súa vida profesional ao estudo da obra de Rosalía de Castro. É profesora da Universidade da Coruña e o seu anterior ensaio titulado Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro (Alvarellos Editora, 2013), foi recoñecido co Premio da Edición de Galicia ao mellor libro de Non Ficción do ano 2013.
Ensino, cultura, políticas para as mulleres e política lingüística son os eixes sobre os que desenvolve a súa actividade profesional. Leva publicados catorce libros individuais e numerosos artigos e estudos en medios de comunicación e revistas especializadas. Outros volumes seus sobre a nosa grande escritora foron Rosalía de Castro. El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas (2006) e O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010), XV Premio de Ensaio en Ciencias Sociais Vicente Risco.