Presentación do libro "PASO DOBLE. Salvados del Holocausto vía España", de PATRICIA MARTÍNEZ DE VICENTE
Con este libro, a autora conclúe a triloxía sobre axuda humanitaria a través de España durante a II Guerra Mundial dirixida polo Servizo Secreto Británico desde a Embaixada en Madrid e na que o seu pai, o Dr. Eduardo Martínez Alonso, participou moi activamente.
"PASO DOBLE. Salvados del Holocausto vía España" é a terceira novela histórica escrita pola autora de "La clave Embassy" (La Esfera de los Libros, 2010) e en e-book de Amazon, ademais de "Embassy y la Inteligencia de Mambrú" (Velecío, 2003) sobre os salvamentos humanitarios clandestinos en España a cargo dos Servizos Secretos Británicos durante a II Guerra Mundial.
Aínda que neste volume se mesturan personaxes reais e de ficción, esta obra está baseada, ao igual que os libros anteriores, en feitos históricos verídicos. Aquí a autora recrea os diarios persoais (e inéditos) do vice-cónsul Británico en Zaragoza, Antonio Valverde Gil, entre 1941-1953 sobre cuxas experiencias xiran uns acontecementos españois de calado internacional que era imposible tratalos no seu momento -ou pasaron inadvertidos- pero que lido hoxe coa perspectiva do tempo sabemos que contribuíron a cambiar o curso da historia contemporánea.
A trama desta novela desenvólvese nos anos 40 entre Madrid, Barcelona, Zaragoza, Galicia e Londres. O fío condutor son as cartas escritas en primeira persoa polo cónsul británico en Zaragoza, Antonio Valverde Gil, sacadas dos diarios persoais que aportou o seu fillo á autora. De forma que xunto aos documentos desclasificados en Inglaterra no 2005, lográronse redondear uns feitos da posguerra española entre 1941 e 1952 descoñecidos ata hoxe.
A autora novela minuciosamente nesta obra o delicado fondo social e político dun periodo difícil e escuro onde combina a actitude desafiante das clases adiñeiradas coas dificultades económicas xeneralizadas, moito máis relacionadas coa II Guerra Mundial do imaxinado.
Cun estilo literario lixeiro e claro, os personaxes reais e ficticios mesturan unhas odiseas pouco coñecidas da España franquista que se puideron probar grazas aos testemuños de quen o viviu, contrastados cos documentos desclasificados dos arquivos oficiais británicos e norteamericanos.
PATRICIA MARTÍNEZ DE VICENTE (Londres, 1946) é Licenciada en Estudos Latino Americanos pola Universidade de Portsmouth (Inglaterra). Despois dunha ampla bagaxe por distintas universidades de Europa e EEUU, sendo alumna de investigadores da talla de Gerald Martin -biógrafo oficial de Gabriel García Márquez-, Tomás Segovia e o hispanista británico Julian Pitt-Rivers -catedrático do London School of Economics (antecesor de Paul Preston)-, especialízase en Antopoloxía Social Hispánica.