Presentación do libro "A PORTA DE EUROPA", de Sabela Muñiz, publicado por Redelibros Editorial
Novela negra de suspense e ficción ambientada no mundo do narcotráfico galego. Con esta publicación a autora pretende non só entreter, senón tamén facer reflexionar ao lector sobre certos aspectos da nosa sociedade, sobre nós mesmos e a problemática da amoralidade económica da nosa terra.
“A porta de Europa” conta a historia de dúas familias de narcos enfrontadas que pelexan polo control do territorio, máis o gran Patriarca que sae do cárcere despois de moitos anos para cobrarse a súa vinganza e recuperar o poder.
Pero esta novela non é un relato ó uso, senón que é a conxunción de diversas “situacións” entrelazadas a través dun delgado fío para crear unha complexa historia. As situacións xéranse a partir de expoñer ós personaxes a certos acontecementos. E da reacción ou vivencia ante estes feitos, nace cada un dos capítulos.
Trátase dunha novela chea de acción, violencia, amor, morte, a vida tal cal, á que se lle engadiu un toque de misterio e fantasía para facela máis interesante.
Sabela Muñiz é unha escritora que acumula varias distincións literarias, como a conseguida en 1998, ano no que gañou un accésit no concurso escolar “Emilia Estévez Villaverde”. En 2001 o seu relato “Malditos papeles” quedou finalista no primeiro certame “Valle-Inclán” de narrativa xuvenil.
No ano 2010 publica a súa primeira novela, “Las puertas del alma”, nun intento de introducirse no mundo literario. Agora coa novela que presenta, volve máis depurada e cunha maior madurez, despois dun minucioso traballo de creación e edición, para afianzarse e chegar a máis lectores a través dunha historia envolvente de suspense e ficción con numerosas sorpresas e un desenlace inesperado.