Presentación do libro "Rectores y Privilegiados. Crónica de una Universidad", de JOSÉ CARLOS BERMEJO BARRERA, editado por AKAL
Acompañará ao autor, Jesús Espino, subdirector de Edición do Grupo Editorial AKAL.
As universidades españolas son un auténtico buraco negro da información. Todas as noticias acerca delas saen directamente dos seus gabinetes de prensa ou das declaracións públicas dos seus reitores, quen, por unha banda, desenvolven un discurso autocomplaciente que chega ao esperpento e, por outra, non cesan de pedir diñeiro, dando a entender que esa suposta carencia é o único problema dunhas institucións perfectas, nas que non se coñeceu ningún caso de corrupción económica ou política.
O logro desta opacidade absoluta foi posible grazas ao muro protector que construíron os reitores, os únicos cargos públicos que resolven eles mesmos os recursos contra as súas propias resolucións e contra as normativas que aproban nos seus órganos de goberno, polo que o seu poder é omnímodo e non é contrarrestado nin polos profesores- aos que se dividiu nunha competición cainita constante polos méritos e o diñeiro-, nin por uns alumnos desmovilizados que non son capaces de comprender o galimatías normativo existente.
Ninguén describiu unha universidade por dentro, con nomes, problemas económicos e administrativos, coas súas falsas verdades e o seu discurso sobre si mesma. Neste libro ofrécese, a través de pequenos ensaios perfectamente estruturados, a vida da Universidade de Santiago de Compostela, que non é unha universidade menor nin marxinal, senón unha das mellor situadas nos rankings de prestixio científico en campos como as Matemáticas, as Humanidades, a Física, a Química e as Ciencias da Saúde.
Unha denuncia que, máis aló do caso concreto, pon de manifesto a diferenza entre a triste e desalentadora realidade da institución universitaria e a imaxe que quere vender de si mesma a opinión pública.
JOSÉ CARLOS BERMEJO BARREIRA, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago, é autor de máis de trinta libros nos campos da historia das relixións, a filosofía da historia e o ensaio. Entre eles cabe destacar "Lecturas del mito griego" (2002), "¿Qué es la Historia teórica?" (2004), "Moscas en una botella. Cómo dominar a la gente con palabras" (2007), "La aurora de los enanos" (2007), "La fragilidad de los sabios y el fin del pensamiento" (2009), "La fábrica de la ignorancia. La universidad del como si" (2009), "La maquinación y el privilegio. El gobierno de las universidades" (2011), "La consagración de la mentira" (2012) e "La tentación del rey Midas" (2015).