Presentación do libro "RESTAURANTE VERRUGA: HISTORIAS Y RECETAS", editado por Ediciones Desdelugo
No acto participarán os autores do libro, Miluca Real Vázquez e Luis Latorre Real, así como o xornalista e prologuista da obra José María Carrascal.
Este libro recolle algunhas das vivencias e historias atesouradas en seis décadas e media pola familia dos fundadores, así como o receitario que fixo as delicias de artistas, presidentes de goberno, actores de cinema, intelectuais e, sobre todo, de tres xeracións de clientes que viviron a evolución dun local que pasou de tasca a restaurante sen traizoar uns principios baseados na tradición, a familia e o bo facer.
Tras case 65 anos de servizo o 31 de decembro de 2015 o Restaurante Verruga situado en Lugo, pechou as súas portas debido á xubilación dos seus propietarios. Un sinxelo local de quince mesas, que sempre se negou a crecer, conseguiu facerse un oco no prestixioso panorama gastronómico galego e mesmo era un nome coñecido a nivel nacional e internacional.
Os seus fundadores foron Emilia Vázquez Cadahía e Cándido Real Arias, cuxa saga continuaron Miluca Real e o seu marido Luis Latorre. Aínda que terminou Maxisterio e exerceu como mestra durante un breve período, Miluca desenvolveu o seu longo labor profesional entre os fogóns, cunha pericia na cociña herdada da súa nai Emilia e a súa avoa Felisa. Luis abandonou a súa carreira de árbitro de baloncesto para implicarse no negocio familiar, dándolle un impulso decisivo ao restaurante.
Luis Latorre Real, fillo de Miluca e Luis, é un dos autores deste libro que supón o inicio dunha actividade editorial que confía continuar, tendo sempre como obxectivo a publicación de temas de Lugo. Esta obra dedicouna como homenaxe a Emilia e Cándido, e en recordo, non só de dúas xeracións entregadas á hostalería, senón dunha forma propia e tradicional de entender a cociña.