Presentación do libro "SIEMPRE LLEGA LA NOCHE. Momentos estelares de medio siglo de periodismo", publicado por Ediciones B, de ALFONSO S. PALOMARES

Eventos
06/10/2014
06/10/2014
10/06/2014

Presentación do libro "SIEMPRE LLEGA LA NOCHE. Momentos estelares de medio siglo de periodismo", publicado por Ediciones B, de ALFONSO S. PALOMARES

-

Este libro non é exactamente un libro de recordos periodísticos, o autor non conta o resultado dos acontecementos tal e como apareceron nos medios de comunicación, senón que narra o que non se leu neses medios, o que hai detrás dunha noticia. No acto de presentación intervirá, ademais do autor, José Bono e o xornalista e escritor Carlos G. Reigosa.

Alfonso S. Palomares é galego, de Calvos de Randín (Ourense). Licenciado en Dereito e Xornalismo, tamén realizou estudos de Filosofía. O xornalismo foi a súa profesión, e nel, segundo as súas palabras fixo de todo menos cartos. Fundou e dirixiu as revistas Ciudadano, Posible e Leer. En 1996 foi nomeado presidente-director xeral da axencia Efe, cargo que desempeñou durante dez anos, periodo en que a axencia recibiu o premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades. Foi distinguido co Máster de Ouro que concede o Fórum de Alta Dirección. Pasou despois a dirixir o diario Córdoba, do Grupo Zeta. Foi presidente así mesmo do consello social da Universidade de Córdoba, institución que o distinguiu coa medalla de ouro. 

Como escritor publicou ensaios e novelas, entre eles: Agotando la esperanza, Las linotipias del miedo; Albert Camus; Felipe González. El hombre, el político; Te amaré después de siempre; El socialismo y la polémica marxista; Los laberintos del espejo e El Evangelio de Venus.

O título do libro chegoulle ao autor cando estaba describindo o golpe de Estado do coronel Bumedián contra o presidente Ben Bella, un mes e medio despois de que Palomares mantivera unha longa conversa co fascinante líder alxeriano. Ocorreu na escuridade da noite. Ben Bella era o ídolo e o heroe da independencia alxeriana da revolución que estaba en marcha. A principios dos anos 60 Ben Bella simbolizaba un futuro diferente do férreo mundo bipolar que se balanceaba entre Washington e Moscova. A aquel movemento prometedor vimos que moi pronto lle chegou a noite.

Ao longo de máis de corenta anos de profesión, no xornalismo Palomares fixo de todo. Como presidente da axencia Efe, coa democracia asentada, os desafíos foron moi diferentes. El no facía información, tiña que facilitar de cen maneiras que os máis de dous mil xornalistas que traballaban para Efe o fixeran nas máis diversas partes do mundo, dende Pekín ata Panamá.

En xeral, todas as historias que aquí se narran desa época serven para coñecer o modo en que se arman e encaixan algúns acontecementos que despois enchen as primeiras páxinas dos medios. Cóntase, en certo modo, a parte de atrás do xornalismo.

 

10 Junio 2014
Eventos
Imaxes