Presentación do libro "Testigo y Parte de la Historia reciente de Galicia", de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, editado por Hércules de Ediciones
A modo de biografía, este libro fai un repaso polos momentos, os sucesos e as persoas que máis marcaron a vida do autor, dende a súa familia aos seus compañeiros de viaxe na política, tanto aliados como adversarios.
Avogado e funcionario da Administración Local, o autor viviu en primeira persoa a construción da Autonomía galega: foi conselleiro preautonómico, participou na redacción do "Estatuto de los 16", de novo conselleiro con Fernández Albor, deputado autonómico nas catro primeiras lexislaturas, voceiro do Grupo Parlamentario Popular... Pero a súa época dourada viviuna baixo as lexislaturas presididas por Fraga Iribarne, nas que dirixiu varias consellerías e foi voceiro do Goberno. Senador ata 2008, é recordado por reinvertar os Camiños de Santiago co Xacobeo 93.
Neste libro os protagonistas son as súas lembranzas e opinións, a súa visión como político, pero tamén como cidadán, todo iso mesturado con algúns "segredos de Estado", da nosa Historia máis recente: prolegómenos, iniciativas, tensións, enfrontamentos...
É agora, en 2014, coa distancia que proporciona máis dun lustro afastado da vida pública, cando sente a necesidade de narrar os feitos tal como el os viviu.