Presentación do Museo de Arte Contemporánea "COSTA DA MORTE" (Corme-A Coruña)

Eventos
05/20/2013
05/20/2013
20/05/2013

Presentación do Museo de Arte Contemporánea "COSTA DA MORTE" (Corme-A Coruña)

-

A vila mariñeira de Corme, no municipio coruñés de Ponteceso, conta cun museo de arte contemporánea propio grazas á iniciativa da Fundación Torre-Pujales. Este proxecto artístico conta cun amplo contido de pezas de artistas contemporáneos, entre os que figuran obras de Colmeiro, Eduardo Arroyo ou Laxeiro, entre outros.

Este proxecto artístico nace na Costa da Morte grazas á vontade de Cristina Torre Cervigón, esposa do pintor coruñés Julio Pujales, e como homenaxe ao seu marido, falecido en 1998 aos 55 anos e quen sentía unha grande atracción por esta vila mariñeira. Julio Pujales, aínda que se estableceu en Madrid sendo moi novo, sempre tiña presente a Galicia na súa obra.

O museo da Fundación Torre-Pujales está ubicado nunha casa rehabilitada na rúa Real de Corme e alberga entre as súas paredes unha extensa colección de arte contemporánea, maioritariamente pintura.

No interior do edificio destaca a escaleira metálica de caracol realizada de modo artesanal polo arquitecto Carlos Hurtado Casanova, autor do proxecto orixinal do museo, en colaboración co forxador local Cándido Cancela, ao mesmo que a pirámide da terraza.

Boa parte das obras que integran a colección foron adquiridas polo matrimonio Torre-Pujalte, pero outras moitas proceden do intercambio da obra propia do pintor con outros pintores.

O museo iniciouse cunha impresionante colección de artistas de renome e tamén máis descoñecidos, sobre todo españois e galegos, pero tamén internacionais. Antonio Saura, Eduardo Arroyo ou Lucio Muñoz son algúns dos grandes mestres con obra neste museo, pero os nomes presentes nas salas cóntanse por decenas. Desta maneira, a Costa da Morte une a súa enorme beleza paisaxística e a súa personalidade mítica á arte de vangarda.

A axenda de actividades do museo é moi ambiciosa, xa que os seus responsables teñen a intención de realizar talleres didácticos, exposicións temporais e itinerantes, coordinar talleres impartidos por artistas da bisbarra de Bergantiños, incentivar o turismo e dar cabida a conferencias, encontros culturais e seminarios.

A colección pretende seguir crecendo a través das obras dos artistas a quen se lles adxudiquen as bolsas que concede a Fundación.

20 Mayo 2013
Eventos