Presentación do primeiro número de Olga (REVISTA DE POESÍA GALEGA EN MADRID)

Eventos
06/28/2016
06/28/2016
28/06/2016

Presentación do primeiro número de Olga (REVISTA DE POESÍA GALEGA EN MADRID)

-

O acto será unha homenaxe ao creador, impulsor e editor da revista Sabino Torres. Intervirán Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira, director, subdirector e secretario de redacción respectivamente. Haberá un recital dos colaboradores deste número.

O Grupo Bilbao de escritores galegos en Madrid acaba de publicar a revista poética "Olga".

Dedica o seu primeiro número a 15 poetas fieis ao seu faladoiro mensual do Café Comercial entre 1996 e 2015. Entre eles figuran, entre outros, o estradense Manuel Pereira e a lalinense Luz Pichel.

Datado en abril de 2016, constitúe de facto unha antoloxía da obra literaria dunha quincena de poetas galegos residentes na capital de España que frecuentou o faladoiro mensual que o Grupo Bilbao realizou ininterrompidamente no emblemático Café Comercial de Madrid -radicado na Glorieta de Bilbao, da que toma o seu nome o grupo- desde 1996 ata o 27 de xullo de 2015. Entón, o grupo asistiu ao sorpresivo peche deste emblemático local, fundado en 1887 e outrora frecuentado por escritores tan ilustres como Antonio Machado, Blas de Otero, Gabriel Celaya, Gloria Fortes, José Hierro, José Manuel Caballero Bonald, Luis García Montero ou Ana Rosseti. Falloulles o local pero seguen reuníndose cada último sábado de mes. Agora, na Cafetería Santander, moi próxima á Glorieta de Bilbao.

No faladoiro e, por tanto, tamén nas páxinas da súa revista Olga fan uso da lingua galega como facho os seguintes escritores galegos afincados en Madrid: Vicente Araguas, Miguel Barreira, Fermín Bouza, Xosé Galán, Yolanda López, Verónica Martínez, Pilar Mera, Claudio Pato, o estradense Manuel Pereira Valcárcel, a lalinense Luz Pichel (no seu día Premio Esquío de Poesía), Begoña Regueiro, Xosé Soto, Lida Teixeiro, Sabino Torres e Rafa Yáñez.

A nova publicación nace coa pretensión de que a literatura galega deixe o seu sinal -a pegada na neve que significa "olga" en galego- na vida cultural madrileña.

 

28 Junio 2016
Eventos
Imaxes