Presentación do programa da "SEMANA SANTA DE LUGO 2015", dirixido a medios de comunicación e público en xeral
No acto, que estará presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, intervirán a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e en representación do Bispado, o coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta xunto co vicecoordinador, Ángel Louzao.
A Semana Santa de Lugo comezará o venres día 20 de marzo- coa presentación da exposición "A Redención do home", no claustro da Catedral, unha mostra formada por tres pezas que son obra do escultor Raimundo Ruibal e que representan outros tantos momentos culminantes da paixón e a morte de Cristo. O pregón deste ano será pronunciado pola xornalista Sonsoles Ónega o sábado -21 de marzo- na Igrexa Parroquial de Santiago A Nova.
Como vén sendo habitual, o exército volverá a Lugo para cumprir o seu compromiso coa cidade e a Semana Santa lucense, de modo que a Armada acompañará o luns -30 de marzo- á procesión da Virxe da Esperanza; a Brilat fará o propio coa do Bo Xesús, o martes -31-; e a Garda Civil escoltará o mércores á de Cristo do Perdón.
O Xoves Santo celebrarase a procesión da Santa Cea, un dos momentos culminantes da Semana Santa de Lugo polo significado histórico e litúrxico que ten a posibilidade de procesionar coa Sagrada Forma fóra da Catedral, un privilexio papal que se sumou á que xa ostenta o templo lucense desde tempos inmemoriais, o de ter exposto o Santísimo Sacramento durante todos os días do ano. Por esta e outras peculiaridades, a Semana Santa de Lugo aspira a ser declarada de Interese Turístico Galego.