Presentación e proxección do documental "O INSTANTE ETERNO", de José Antonio Cascudo Rodríguez
Documental sobre a vida e obra de Díaz Castro, proxecto iniciado no 2011 co obxecto de difundir a figura do poeta de Guitiriz de cara á celebración do centenario do seu nacemento e a quen este ano se dedica o Día das Letras Galegas. No acto intervirá, ademais do director do documental, Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público ata o pasado 21 de xuño, cando a RAG o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica en parte que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo ata escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.