Recital poético de DAVID REY FERNÁNDEZ e VICENTE ARAGUAS
Dúas xeracións poéticas separadas pola idade, lingua e sensibilidade, pero unidos neste recital polo seu afervoado impulso lírico.
A poesía de Vicente Araguas caracterízase pola sinxeleza aparente, conta cousas cotiás, pero de tal xeito que, en ocasións, a anécdota se converte en categoría e nos ofrece profundidade, tenrura, nostalxia, amor, erotismo... temáticas eternas na poesía cun excelente manexo da linguaxe e da ironía. Vicente Araguas é un dos fundadores do grupo Voces Ceibes (1968). Profesor na Comunidade de Madrid, compaxina o seu labor docente e literario coa crítica en revistas como Leer ou Revista de Libros e os seus artigos de opinión en Diario de Ferrol e El Correo Gallego.
Neste recital Vicente Araguas recitará poemarios e algunhas pezas do seu útlimo traballo poético. Representa, pois, a poesía da experiencia escrita en galego.
A poesía do coñecemento estará representada, neste caso en castelán, polo avogado ferrolán David Rey Fernández, que foi o gañador do XII Premio de Poesía "Antonio Carvajal" (2009) polo poemario "Las alas de una alondra madrugando". A súa voz poética, propia e singular, sitúase á marxe de todas as escolas e tendencias dominantes na poesía española contemporánea. É poeta do amor e do desamor, da vida e da morte, da tristeza e da alegría. A súa obra abárcao todo. A súa poesía, radical e sonora, entronca coa tradición clásica e, ao mesmo tempo, énchese de imaxes simbolistas e surrealistas. Destaca a destreza dos seus recursos líricos e a fondura e penetración do seu pensamento.
Ofrecerá, pois, unha escolma de versos do seu premiado traballo así como poemas de nova creación.