Rolda de prensa-presentación dos actos programados do ARDE LVCVS MMXVII
Os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo o visitante poderá mergullarse na vida de Lvcvs Augusti, destacada urbe e unha das capitais administrativas da Gallaecia romana e percorrer o seu recinto amurallado, onde gozará dun pasado máis vivo que nunca.
Intervirá no acto a concelleira de Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.
Un ano máis, Lugo revive a súa historia romana e castrexa con máis ilusión, se cabe, pois o Arde Lvcvs estrea o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional, o que se consolida como referente en recreación histórica.
O Arde Lvcvs chega moito máis alá da Muralla Romana (Patrimonio Mundial), é unha carta de presentación noutras festas, das que este ano lles acompañan, chegadas de distintas partes de España e doutros países europeos.
O éxito da festa, que crece edición tras edición, é posible grazas á implicación de toda a sociedade lucense e polo traballo das asociacións que continuamente estudan o pasado para traelo ao presente, co único obxectivo de revivir a historia.
Foron perfiladas máis de trescentas actividades das cales unhas 40 son novidade. Hai gladiadores, obras de teatro, talleres, vodas, circo, competicións de deporte romano... Este ano a aposta tamén vai encamiñada ao deporte romano e a novidade será unha camiñada nocturna polo adarve da muralla, así como un torneo de harpastum, un deporte entre o fútbol e o rugbi.
Este ano destaca o X Aniversario da Lexión Cohors III Lvcensivm, efeméride que dedican ás mulleres romanas.