Rolda de prensa/presentación da película "EL VIENTRE DE EUROPA", do cineasta galego Juan Pinzás, producida por Atlántico Films e Abstracto Films
O cineasta galego Juan Pinzás desvelaranos o seu novo decálogo, as premisas que serviron de base para a rodaxe desta suxestiva e persoal película de cinema de autor, en Berlín e Madrid, ao longo de case dous anos de traballo desde o comezo da súa rodaxe.
Participarán no acto de presentación o director e guionista, Juan Pinzás acompañado da produtora, Pilar Sueiro.
A película está escrita e dirixida por Juan Pinzás. Esta primeira parte da súa "Triloxía Europea" está protagonizada por María Villar, Elke Krüger, Katherine Sorel e o propio Pinzás.
O director galego Juan Pinzás, único cineasta español recoñecido oficialmente polo movemento de vangarda "Dogma 95", e nomeado ao Goya en 2014, estreará nas salas de cinema de España o próximo 17 de novembro o seu novo filme que foi rodado en Berlín e Madrid.
Tras case dous anos desde o inicio da rodaxe e unha longa e complexa postprodución, o pasado mes de agosto logrou finalizar o traballo. Trátase dunha película de cinema europeo de autor, que foi rodada seguindo un decálogo que o propio Pinzás bosquexou para esta proposta cinematográfica, que xurdiu como unha "triloxía europea" e de que "El vientre de Europa" será a primeira entrega.
Na película, un drama fantástico, o cineasta Julián Pintos, alter ego do propio director, no seu universo onírico, realiza unha viaxe introspectiva desde o ventre da nai ao ventre de Europa sen romper o cordón umbilical. Julián acharase perdido entre o neno que foi, o home que agora é, o amor da súa nai e a dualidade da muller á que ama. Todo iso nas entrañas de dous capitais europeas polas que deambula, Berlín e Madrid, que co seu pasado e presente suscitan os soños e turbacións de Julián. O elenco complétano a alemá Elke Krüger, a francesa Katherine Sorel e María Villar, que xa traballara con Pinzás nos seus primeiros curtos en 35 mm., e que aquí interpreta á nai de Julián.