SOLEMNE ACTO DE CLAUSURA DAS ACTIVIDADES DO ANO 2014 na Casa de Galicia, con entrega de distincións a diversas personalidades e actuación musical
O vindeiro 11 de decembro, ás 19:00 horas, a Delegación da Xunta/Casa de Galicia en Madrid celebrará o Acto solemne de peche de actividades do ano 2014, que foi especialmente abundante tanto en número de eventos como na relevancia destes.
O acto estará presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela.
No transcurso deste efectuarase a entrega de Diplomas a diversas personalidades, as cales se lles recoñecen os seus valores profesionais e humanos, así como a súa colaboración e apoio a esta Institución. No acto lerase un breve curriculum de cada homenaxeado. Nesta ocasión recibirán o Diploma: Carmen Becerril Martínez, ex secretaria de Estado de Enerxía e ex presidenta de Acciona; Leopoldo Calvo Sotelo Ibáñez-Martín, Marqués da Ría de Ribadeo, ex subsecretario do Ministerio de Interior e Letrado Maior do Consello de Estado; Luz Casal Paz, cantante de pop–rock; María Emilia Casas Bahamonde, ex presidenta do Tribunal Constitucional, catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade Complutense; Javier María Casas Estévez, maxistrado e ex presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid; Cristina Cifuentes Cuencas, delegada do Goberno na Comunidade Autónoma de Madrid; Juan Carlos Estévez Fernández-Novoa, presidente do Consello Xeral de Procuradores dos Tribunais; Manuel José Guiote Linares, xeneral de brigada de Sanidade do Exército; María Lage Prieto, vicepresidenta do Centro Galego de Madrid; Manuel Medina González, avogado; Francisco Ribeiro de Menezes, embaixador de Portugal en España; e Ramón Tamames Gómez, economista do Estado, catedrático de Estrutura Económica e Premio Nacional de Economía.
O acto finalizará cunha breve actuación musical da agrupación camerística DúOdett.