O XUÍZ VÁZQUEZ TAÍN PRESENTA NA CASA DE GALICIA O SEU DOCUMENTAL “EL CAMIÑO MOZÁRABE: SANGRE, SUDOR Y FE”
O director da Casa de Galicia, Juan Serrano deu a benvida no día de onte ao maxistrado de orixe ourensá, José Antonio Vázquez Taín que presentou o seu último documental repasando a historia do traxecto que uniu o norte e o sur peninsular durante máis de mil anos e que constrúe un relato audiovisual a modo de documental a través dos séculos e que pon en valor a memoria histórica da Vía da Prata.
O traxecto deste itinerario discorre pola terra que o viu nacer, feito que o motivou a involucrarse neste proxecto coa intención de dar a coñecer a súa importancia, e facer visible unha ruta pouco coñecida en comparación con outros camiños.
O documental narra máis dun milenio de historia da Vía dá Prata e capta a súa evolución desde a prehistoria como conector entre o Mediterráneo e as augas do Atlántico. O documental recolle unha serie de episodios históricos relativos á ruta. Un dos puntos clave radica nos usos previos do Camiño antes da peregrinación, cuxo orixe se remonta á época prerromana, e mostra algunhas das prácticas máis habituais nesas zonas, como a transhumancia do gando, que desde a antigüidade até a actualidade tivo unha estreita relación co camiño.
Taín explicou ao público asistente que non se trata de relatar un itinerario de peregrinación unicamente, xa que esta vía serviu para permitir o comercio e o intercambio de culturas entre o norte e o sur peninsular.