O AROUSÁN, ROMÁN PADÍN PRESENTA NA CASA DE GALICIA: “COLECCIÓN DE TRAXES DE TERESA BERGANZA, CAMIÑO LONGO DA MIÑA VIDA”
O director de la Casa de Galicia, Juan Serrano, participou na tarde de onte na inauguración da exposición de traxes da mezzosoprano Teresa Berganza, que leva por título: “Colección de traxes de Teresa Berganza, camiño longo da miña vida”, e que poderá visitarse na sala Camilo José Cela da Casa de Galicia.
Serrano mostrouse satisfeito por acoller na Casa de Galicia esta exposición xa que “é diferente, pois nunca a Casa de Galicia acollera unha exposición de moda”, rematou o director, seguro de que iniciativas como estas, pon en valor o patrimonio cultural galego.
Román Padín, licenciado en Dereito e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e que colabora con diversos sectores industriais, comerciais e artísticos, foi o impulsor desta nova iniciativa.
Padín fixo referencia na súa intervención á elegancia de Teresa Berganza, elegancia recoñecida dentro e fóra dos escenarios, xa que se vestía nas mellores modistas para que a súa presenza na escena do concerto estivese tan coidada como a súa voz e o seu canto. No seu gardarroupa pódense atopar modelos de prestixiosos deseñadores como Caruncho, Pedro Rodríguez, Elio Berhanyer, Christian Lacroix ou Pierre Cardin.
Interveu tamén, Maximino Zumalave, director e pianista compostelán en Santiago, Madrid, Viena ou Stuttgard. Gran coñecedor da obra de Berganza por ser moi frecuente a súa colaboración coa mezzosoprano, Zumalave destacou que Berganza é recoñecida polas audiencias de todo o mundo, premiada e homenaxeada polas institucións, e é considerada como unha das mellores intérpretes do gran repertorio de Mozart, Rossini, Haendel, Massenet, Bizet.
"É unha marabillosa forma de lembrala; non era amiga de homenaxes, pero gozaría moito desta exposición” sinalou a súa neta, Sofía Álvarez Lavilla, encargada de pechar o acto.
A exposición mostra os traxes que a mezzosoprano luciu nas súas actuacións, coincidindo co trixésimo aniversario da estrea das Cancións Xacobeas de Antón García Abril interpretadas por Teresa Berganza.
A exposición poderá visitarse na sala Camilo José Cela da Casa de Galicia en Madrid até o próximo 28 de abril, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.