Ana Pastor presidiu a inauguración do ciclo de conferencias "Medicina e Saúde" que se iniciou hoxe na Casa de Galicia

Notas de prensa
04/14/2011
04/14/2011
14/04/2011

Ana Pastor presidiu a inauguración do ciclo de conferencias "Medicina e Saúde" que se iniciou hoxe na Casa de Galicia

A vicepresidenta segunda do Congreso, ex ministra de Sanidade e médico, Ana Pastor, acompañada polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, inaugurou o ciclo divulgativo de conferencias "Medicina e Saúde" que se iniciou esta tarde na Casa de Galicia en Madrid. O ciclo está dirixido e coordinado por J. M. Pérez-Vázquez, Profesor xefe de Medicina Nuclear, do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, quen tamén ofreceu a conferencia inaugural, "A Medicina do século XXI-Primeira década".

Madrid, 14 de abril de 2011. - A vicepresidenta segunda do Congreso, ex ministra de Sanidade e médico, Ana Pastor, acompañada polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, inaugurou o ciclo divulgativo de conferencias "Medicina e Saúde" que se iniciou esta tarde na Casa de Galicia en Madrid. O ciclo está dirixido e coordinado por J. M. Pérez-Vázquez, Profesor xefe de Medicina Nuclear, do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, quen tamén ofreceu a conferencia inaugural, "A Medicina do século XXI-Primeira década". Entre os asistentes ao acto estaban os deputados rexionais Pedro Núñez Morgades e Beatriz Elorriaga e os presidentes das asociacións profesionais de galegos en Madrid Asomega, Francisco García Fernández, Iurisgama, Carlos Lema Devesa, e Aegama, Francisco Cal Pardo.

Ónega agradeceu a presenza de Ana Pastor, valorando o seu compromiso coa Casa e coa Sanidade, e explicou que este importante ciclo se prolongará ata o mes de decembro e que está composto por doce conferencias individuais e dúas mesas redondas de debate.

Como membro da profesión médica, Pastor agradeceu especialmente a celebración deste ciclo e valorou que a Casa de Galicia era nesta ocasión especialmente a casa da Medicina e dos médicos galegos en Madrid. A ex ministra de Sanidade explicou que a crise levou a buscar respostas ao sistema sanitario e a revisar os seus indicadores pois, dixo, dispón duns ingresos financeiros moi baixos e en España hai un déficit financeiro sanitario de máis de 15.000 millóns de euros. Ademais, indicou, o sistema estase a ver afectado polo envellecemento da poboación, o incremento das prestacións e dos pacientes con enfermidades crónicas e da demanda asistencial, "porque cada vez nos coidamos máis e mellor".

"A situación é preocupante pero hai esperanzas porque o sistema sanitario público español ten moitos puntos fortes que son os seus profesionais, que intentamos ter unha formación actualizada e permanente," engadiu.

Pérez-Vázquez fixo notar que os temas que se abordarán ao longo do ciclo foron seleccionados buscando contidos de máxima actualidade sobre os tratamentos médicos e o mantemento da saúde, para ser abordados dende un punto de vista divulgativo. Resaltou que no século XX se avanzou en materia médico-sanitaria máis que en todos os séculos precedentes, se ben iniciamos o século XXI sendo aínda incapaces de prolongar a vida cando falla un órgano fundamental.

Posibilidades futuras

Na súa conferencia inaugural, Pérez-Vázquez formulou que se a Medicina é capaz de substituír a función dese órgano danado, tamén o será de restituír a súa función no corpo humano e fixo un percorrido sobre as posibilidades que se enxergan de facer isto, das posibilidades e resultados que cabe esperar no século XXI das liñas abertas en investigación.

Fíxoo a través da Biónica, que estuda a consecución dos órganos que hai que substituír, dedicando especial atención ao corazón artificial, cuxo primeiro implante se realizou en 2001 e que agora só é válido para resolver a problemática de entre o 10 e o 15 por cento dos pacientes, e ao sangue artificial, resaltando que no Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela se está a obter material biotecnolóxico que permitirá conseguir sangue síntética.

Tamén a través da Nanomedicina, que aborda "sistemas biolóxicos mínimos, onde residen as claves da vida" e que aínda se acha en fase exploratoria; da Medicina rexenerativa, para ofrecer solucións á problemática dos tecidos e os órganos vitais danados, dende a que, por exemplo, se poderá tratar os grandes queimados e que ten como principal reto as enfermidades do cerebro; do restablecemento da mobilidade de extremidades que se perderon e das mutacións da evolución xenética, por radiacións, substancias químicas e virus descoñecidos.

O ciclo de conferencias "Medicina e Saúde" impárteno prestixiosos especialistas médicos e aborda temas de interese xeral como a Medicina do século XXI, a Enxeñaría ao servizo da saúde, axudas científicas e axudas milagre, avances en cardioloxía, chegou o final dos actuais lentes?, a Medicina non invasora no século XXI, diagnóstico por imaxe, beleza e saúde, saúde e Medicina legal, tratamento médico do cancro, cancro de mama (avances en diagnóstico e curación), Medicina e Humanismo.

14 Abril 2011
Notas de prensa
Imaxes