A Casa acolle en Madrid a exposición fotográfica "O soño dunha noite de San Xoan" que ofrece 45 anos de historia das fogueiras coruñesas
O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega e a delegada territorial da Xunta en A Coruña Belén do Campo, presidiron esta tarde na Casa de Galicia en Madrid a inauguración da mostra de fotografía “O soño dunha noite de San Xoán”. A mostra, realizada en colaboración coa Asociación de Meigas das Fogueiras de San Xoán e a Concellería de Turismo da Coruña, fai un repaso polos 45 anos de historia das fogueiras coruñesas a través dunha recompilación de fotografías e de carteis publicitarios da celebración.
Durante o acto, Ónega, expresou a súa "satisfacción por acoller a exposición sobre a celebración da noite máis universal, que se realiza con gran arraigo e espectacularidade na Coruña". Así mesmo, invitou a todos os asistentes a recrearse nas imaxes da mostra e a animarse "a vivir a festa en persoa".
Na mesma liña, Do Campo recordou que a "noite da queima" ven de ser declarada o pasado maio Festa de Interese Turístico Internacional pola Secretaría General de Turismo, que tivo en conta a súa antigüidade e continuidade no tempo, así como a súa orixinalidade, arraigo e participación cidadá no desenvolvemento da propia celebración. No 2003, a mesma entidade xa a declarara Festa de Interese Turístico Nacional, e, anteriormente, no 2000, recibira o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia outorgado pola Xunta. Neste sentido, a representante autonómica destacou o "importante complemento que a celebración de San Xoán supón para a experiencia turística tanto para a cidade da Coruña como para o resto da provincia e que, sen dúbida, constitúe un potente reclamo para os novos visitantes".
"As fogueiras de San Xoán eríxense como unha das festas máis máxicas de Galicia", engadiu a delegada, quen explicou que na cidade da Coruña a noite máis curta do ano vai precedida dunha chea de actos e de preparativos, que ao longo dos últimos tempos contaron coa asistencia de miles de coruñeses e foráneos, que se unen a este culto ancestral que celebra o inicio do verán.
Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Meigas das Fogueiras de San Xoán, Concepción Astray, que tamén estivo na inauguración, repasou a historia da organización desde o comezo da súa labor como Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán e agradeceu o apoio das distintas administracións, así como do resto de colectivos cidadáns da cidade, pois "co arduo traballo de todas e todos ao longo dos anos conseguimos que o San Xoán coruñés se convertera nun referente internacional".
Imaxes cedidas por varios fotógrafos coruñeses
O punto de partida desta exposición é a proclamación da I Meiga Maior en 1970, detonante dunha incesante actividade que permitiu que a festa de San Xoán se convertera na máis popular e participativa das que se celebran na cidade. Deste xeito, a exposición permite realizar un percorrido polos actos de carácter cultural, social, deportivo e popular que caracterizaron esta celebración ao longo dos anos en todos os barrios da cidade, sendo actualmente os puntos centrais da festividade as praias de Riazor e do Orzán.
As fotografías forman parte do arquivo da Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán, así como da produción de varios fotógrafos coruñeses, entre os que se atopan Carlos Mª Vallo, José Carlos Fernández, Concepción Astray, Pedro Puig, Daniel Sambad, Francisco Sánchez e Ángel Arias. Poderá visitarse ata o próximo 26 de xuño de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 e desde as 10:00 ata as 14:00 durante a fin de semana.