Feijóo subliña que Galicia é pioneira adoptando medidas que xeran confianza porque quere ser recoñecida como unha comunidade solvente e crible
Asegura que en España a crise económica derivou nunha crise de confianza no país e nas súas posibilidades debido ao errático xeito en que foi afrontada, mediante unha reforma acometida "con présas e sen planificar adecuadamente", e a través de medidas "de escaso impacto, erráticas e impopulares"
Resalta que Galicia é pioneira en aprobar un proxecto de Lei de disciplina orzamentaria, que establece un teito de gasto non financeiro e blinda a sustentabilidade das contas públicas a curto, medio e longo prazo
Madrid, 11 de abril de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que Galicia está sendo "pioneira" aprobando medidas que axudan a recuperar a confianza na nosa economía porque quere ser recoñecida como unha comunidade "solvente e crible". Así o manifestou na conferencia que pronunciou este mediodía co título Emprendedores e Innovación en una economía global, organizada pola Confederación Española de Asociaciones de Jóvenes Empresarios (CEAJE).
O mandatario galego recalcou que a solvencia e a competitividade son os factores "decisivos" para recuperar a confianza. A solvencia, esgrimiu, "para transmitir a idea dun país ben xestionado, responsable e capaz de acometer as reformas necesarias"; e a competitividade, "para poder contar cun tecido produtivo forte e capaz de volver xerar emprego".
O mandatario galego sinalou que en España a crise económica derivou nunha crise de confianza no país e nas súas posibilidades debido ao errático xeito en que foi afrontada, mediante unha reforma acometida "con présas e sen planificar adecuadamente", e a través de medidas "de escaso impacto, erráticas e impopulares". Por iso, fixo fincapé na necesidade de crear un marco de confianza, "un reto para todos os gobernos", dixo, co que crear un contorno "estable" para incentivar o investimento empresarial e que sexa garantía de sustentabilidade financeira.
A primeira en propoñer unha Lei de disciplina orzamentaria
Neste punto, apuntou que a Xunta está a aplicar unha xestión dedicada a recuperar esa confianza e resaltou que é pioneira en aprobar unha Lei de disciplina orzamentaria, que establece un teito de gasto non financeiro e blinda a sustentabilidade das contas públicas a curto, medio e longo prazo. "Non queremos que a austeridade e o rigor sexan algo a practicar soamente en época de recesión", puntualizou.
Feijóo indicou, ademais, que a política económica que está a aplicar o seu Goberno ten permitido xa pechar 2010 cun crecemento do PIB do 0,1 por cento, ser a comunidade con maior incremento de recadación fiscal e crear 4.039 novas empresas, un 5 por cento máis que en 2009. Todo iso, proseguiu, mantendo os servizos públicos esenciais e o investimento en infraestruturas.
O presidente da Xunta salientou, así mesmo, a aposta da Xunta por facilitar liquidez e crédito ao tecido empresarial, e aludiu á transcendencia da fusión das dúas caixas galegas. Sinalou que a Xunta paga as facturas en tempo e forma, xestiona as axudas ás empresas de xeito máis áxil a través do Igape e ten establecido unha política de avais para circulante que permitiu axudar a manter 16.000 empregos en dous anos.
Feijóo repasou outras medidas aprobadas pola Xunta nesta dirección como as dúas baixadas de impostos para adquisición e rehabilitación de vivendas, as dúas novas deducións fiscais para fomentar a creación e a capitalización de empresas, o apoio que presta a todos os sectores estratéxicos da economía galega e a súa aposta pola innovación e a internacionalización. Neste punto, destacou o incremento do 3,8 por cento nos orzamentos de 2011 en materia de investigación, innovación e coñecemento, unha estratexia que queda recollida no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, orientado á explotación económica dos resultados da investigación.
Atraer investimento exterior e poñer a Galicia en valor
No tocante á internacionalización, destacou o recoñecemento que Galicia empeza a ter no exterior "coma unha comunidade solvente, fiable e previsible". O titular da Xunta recoñeceu que Galicia "precisa de novos investimentos para xerar emprego" e que, á súa vez, ten moitos elementos para poñer en valor: a súa posición marítima e o seu sistema portuario "único", a consolidación da Eurorrexión e a existencia de empresas punteiras a nivel mundial.
Feijóo referiuse ao proxecto de Lei do emprendedor que o PP quere presentar no Congreso, e concluíu aludindo á necesidade de acometer unha verdadeira reforma fiscal, que reduza o imposto de sociedades ou impoña un IVA reducido para determinados sectores; e laboral, que permita xuntar criterios de flexibilidade e seguridade no emprego.