Gabriel Elorriaga presenta na Casa de Galicia o seu último libro, "La maldita oposición"
O político, avogado e xornalista Gabriel Elorriaga Fernández presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid o seu último libro, "La maldita oposición", unha recompilación de artigos publicados no xornal dixital Diariocrítico.com, prologado polo editor do medio, Fernando Jáuregui, e publicado pola editorial Pigmalión, que dirixe Basilio Rodríguez.
Madrid, 7 de abril de 2011.- O político, avogado e xornalista Gabriel Elorriaga Fernández presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid o seu último libro, "La maldita oposición", unha recompilación de artigos publicados no xornal dixital Diariocrítico.com, prologado polo editor do medio, Fernando Jáuregui, e publicado pola editorial Pigmalión, que dirixe Basilio Rodríguez.
No acto participaron, ademais do propio autor, o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o poeta, político e historiador Luis Alberto de Cuenca, o editor, Basilio Rodríguez, e o representante de Diariocritico.com Manuel Ángel Menéndez. Entre o numeroso público que asistiu á presentación estaban o ex ministro de Sanidade José Manuel Romay Beccaría, o deputado rexional Pedro Núñez Morgades, o político e escritor Juan Van Halen, o alcalde da localidade castellonenca La Villa de Altura, Rafael Rubio Selles, e a senadora Beatriz Elorriaga.
Ónega recordou que o autor do libro enriqueceu a vida política española durante vinte e cinco anos de exercicio do parlamentarismo nacional, tanto no Congreso coma no Senado, e que na actualidade forma parte do Consello Editorial de Diariocrítico.com, dende o que se incorporou ao periodismo dixital con colaboracións semanais que son a base do libro e dende as que, dixo, "se pode seguir a historia do país". Ónega apreciou que nestas colaboracións Elorriaga "disecciona atinadamente a política e a sociedade española".
Adaptación ao medio dixital
O poeta, político e dende hai un par de semanas académico da Real Academia Española da Historia Luis Alberto de Cuenca recordou pasaxes relevantes da biografía de Elorriaga, como que en 1956 foi detido nunha revolta estudantil e encarcerado con outros seis estudantes que co tempo deviñeron en ilustres políticos; referiuse a outros libros de Elorriaga, como "A vocación política", e resaltou a súa capacidade de adaptación ao medio dixital. "Como amante da Literatura, dígoche que escribes moi ben Gabriel, nun castelán exemplar. A túa prosa é inmaculada", engadiu.
Rodríguez, editor e presidente do PEN Club España, agradeceu a confianza do autor, do que dixo que foi disciplinado cumprindo os prazos e tamén impuxo o seu criterio nalgúns aspectos da obra, como a imaxe da cuberta,". Referiuse a Fernando Jáuregui como indutor do libro, se ben precisou que foi unha amiga común, Rita Félix, que se achaba na presentación, quen o incitou a ler o autor. Tamén resaltou que na obra se realizou unha recompilación e revisión de textos e reivindicou para ela a calidade de libro ensaístico.
Menéndez valorou que Elorriaga achega cada semana a Diariocrítico.com lucidez e artigos nada crispados, anunciou que está chamado a colaborar nun foro de debate que está a preparar o medio e coincidiu con De Cuenca en resaltar a súa adaptación ao dixital.
O título
Pola súa banda, Elorriaga opinou que o medio non é a mensaxe pero o matiza dalgunha forma porque o lector o le de xeito distinto a un libro e que a prensa dixital esixe un estilo máis breve e concreto, polo que os seus artigos neste ámbito teñen pouco máis de tres puntos e á parte; estimou que o editor o levou de novo á galaxia Gutemberg, recuperando artigos que el daba por perdidos e declarou que cre "que todos desexamos que a letra remate en papel, que é o seu destino natural,".
O autor explicou así mesmo que os artigos que forman o libro foron publicados nos anos 2008, 2009 e 2010, período coincidente co que chamou o "zapaterato", que valorou negativo para a vida española e do que dixo que concluíu estes días coa renuncia á reelección por parte de José Luis Rodríguez Zapatero. Neste sentido sinalou que o libro reflicte un ciclo da política española do que considerou que unha das súas característica foi que "o Goberno se preocupou moito máis de maldicir á oposición que de facer política". O título do libro sae dun dos artigos que recolle, publicado o 2 de febreiro de 2009.