Inauguración da exposición de pintura "COSTUMISMO GALEGO", de Vidal Martín Palacios

Eventos
04/03/2013
04/03/2013
03/04/2013

Inauguración da exposición de pintura "COSTUMISMO GALEGO", de Vidal Martín Palacios

-

Pintor toledano, apaixonado da Ría de Muros e Noia, da Serra do Barbanza, as súas obras son auténticas poesías de pinceladas soltas, dun canto ás xentes sinxelas que conviven co mar, que o traballan, que o sementan e que tamén o sofren. Nesta exposición amósanos unha pintura sincera, realista, unhas paisaxes vivas e auténticas cheas de forza e cor. A mostra poderá visitarse ata o 26 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Os seus lenzos, característicos polas súas tonalidades azuladas, zumegan o ambiente húmido, a néboa, o ceo azul e o sol quente, e plasman escenas de pescadores, marisqueiros, mercados, folclores e tradicións.

É raro ver unha obra súa sen figura humana, nas praias, nas serras, home e natureza definen a paisaxe que el reflicte.

Nas súas mariñas, homes e mulleres, gaivotas e redes achegan o movemento e o son que contén a súa obra, e imitan o son das lonxas á chegada dos barcos, o movemento rápido dos carros coa pesca e o ritmo frenético da poxa.

Paisaxes de praias, Corrubedo da alma, bravo de escuma, poucas veces en calma.

Mares sempre traballados, por infatigables figuras, que recollen marisco, que reparan redes, que cargan e descargan o seu esforzo diario. Canto á esencia da Galicia profunda que lle mostrou a súa alma, que o acolleu, como recibe os peregrinos, aos que tamén reflicte na súa pintura dunha forma próxima e familiar.

Os seus montes verdes, salpicados de pequenas igrexas de robustas pedras, ás veces soleadas, ás veces húmidas, albergan tradicións e faenas cotiás, os bois, as galiñas e os hórreos.

Nas súas teas, tamén hai festas, tamborileiros, gaiteiros, óense as muiñeiras, xuventude engalanada que ri e baila.

Vilas de soportais que albergan mercados, hortas coloridas en caixóns de madeira, rúas empedradas de lousas escorregadizas, con ceos en marcha que agora locen, agora descargan... Rúa abaixo, bolsa azul na man, Carmiña anda.

Cores, pois, sons, e infatigables traballadores, algarabía de redes e leas de gaivotas, alegría en mozos festexantes, praias bravas de historias interminables, anacos de espellos que o autor pinta desta Terra Encantada.

Nesta exposición amósanos unha pintura sincera, realista, produto da súa memoria e dos seus recordos, unhas paisaxes vivas e auténticas, claras expresións dos seus sentimentos. Vidal sabe plasmar con mestría imprimindo un toque de elegancia, o máis cotián, o vulgar. Fai poesía cos seus pinceis.

Os seus lenzos metódicos e pacentes imprimen un carácter puramente impresionista, con profusión de pinceladas curtas e un enriquecemento de luces, que xunto coa forza da cor, transpórtanos a un máis alá, a unha profundidade estética e psicolóxica na súa obra.

Vidal revive nos seus lenzos a súa vida, a súa nenez, os seus pobos, os costumes e ambientes arraigados nel.

Vidal Martín Palacios nace en Nombela (Toledo) en 1935. A súa afición á pintura desenvólvese a unha idade temperá. En 1935 trasládase a Madrid, onde asiste a clases na Escola de Artes e Oficios da rúa Marqués de Cuba da capital.

03 Abril 2013
Eventos