Inauguración da exposición de pintura e escultura de ESPERANZA LEMA BOUZAS
Nesta exposición podemos ver un resumo da vida de Esperanza Lema, unha síntese da súa obra plástica, diversa en temas e materiais, na que está o seu sentir e a súa autenticidade de artista, da vibración de toda a súa vida. A mostra poderá visitarse ata o 1 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
ESPERANZA LEMA BOUZAS realizou o bacherelato no colexio das Trinitarias de Noia, onde asistiu a clases privadas de debuxo e pintura. Posteriormente cursou estudos no Colexio San Pelaio de Santiago de Compostela e no Instituto Rosalía de Castro da mesma cidade, onde tivo como profesor de debuxo a Rodríguez Roble. Moi nova deixou a actividade artística ata que foi a vivir a Vigo coa súa familia. Alí matriculouse na Universidade Popular (antiga Escola de Artes e Oficios Artísticos) na disciplina de talla en madeira. Mentres tanto volveu a pintar pola súa conta e a traballar o óleo cos consellos impagables do pintor Xavier Pousa Carrera.
En 1975, tres cadros seus foron presentados na VII Exposición de Pintura para Artistas non Profesionais, organizada na Coruña polo Centro de Iniciativas e Turismo, onde conseguiu a terceira medalla co cadro titulado ‘Aldea’.
En 1978 e 1979 foi seleccionada con dous cadros para participar no I Concurso de Arte Joven Gallego, que organizaba en Vigo o Corte Inglés. En 1979 tamén participou cun cadro en la V Bienal Nacional de Arte de Pontevedra e entre novembro e decembro fixo a súa primeira exposición individual na sala do Real Club Náutico de Vigo. En 1980 levou a súa obra ao Centro Galego de Ponferrada (León). En 1981 participou no noveno ciclo de Plástica Galega, organizada pola Caixa de Aforros de Vigo nesta cidade e fixo unha exposición individual na Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Galicia en Santiago de Compostela. Posteriormente, unha grave enfermidade tívoa afastada da pintura por uns anos ata que en 1988 expuxo en Pontevedra na Sala de Arte da Caixa de Aforros de Pontevedra. En 1990 volveu a Santiago de Compostela coa súa obra á Sala de Exposicións da Caixa Postal, tamén expuxo na Sala do Museo Valle Inclán de Poboa do Caramiñal e formou parte da I Bienal de Pintura ‘José Luis Fernández’ de Boiro. En 1991 expuxo a súa obra no Centro Galego de Salamanca e un ano despois participou nunha exposición colectiva de oito artistas galegos en Nova York. En 1993 participou na exposición colectiva organizada pola Fundación ‘Feiras e Congresos da Estrada’, co nome de I MOSTRA DE ARTES PLASTICAS, volveu a Vigo coa súa obra á Sala de Arte de Caixa Vigo e expuxo na Sala de Arte Maë de Auga en Braga (Portugal). Desde setembro de 1994 ata maio de 1995 participou na exposición itinerante organizada pola Asociación de Gaiteros Galegos e en 1995 expón na Sala de Arte AENA de Barajas en Madrid. Ao ano seguinte, realizou unha exposición-homenaxe ao seu sogro en Ferreira de Pantón (Lugo) e posteriormente expuxo no Centro Social de Padrón (1997) e expuxo na Sala de Arte de Expo Salnés en Cambados e na Sala do Hotel Araguaney de Santiago de Compostela (1998).
A súa paleta faise dona do cadro e é nesa dictadura cromática, sobre todo entre os verdes e ocres otoñais, onde retrata nun instante unha realidade que xa era fermosa e que para ela é case sempre nostálxica. As súas obras transmiten unha certa melancolía; polas paisaxes de Lema nunca transita a xente e moitas veces detéctanse algúns lugares que parecen pertencer ao seu ámbito máis íntimo, aquel que persiste idealizado na súa memoria.