Inauguración da exposición de pintura e escultura "Konfiguraciones kármicas lugildianas", de JOSÉ Mª LUGILDE PENA
A mostra de escultopintura de Lugilde responde á preocupación do artista por dar saída nas súas realizacións plásticas ao seu particular mundo de soños, realidades conscientes e subconscientes, e aos conflitos que produce esa confrontación interna do onírico co real, do persoal co social. A exposición poderá visitarse ata o 1 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
JOSÉ MARÍA LUGILDE PENA nace en Lugo no Barrio da Ponte, outubro 1944. Estudia debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios da Fundación Bolaño Rivadeneira, en Lugo. En 1968 emigra ao Brasil, traballando como matriceiro en fábricas e continúa os seus estudos artísticos nas Escolas de Arte do Estado de Sâo Paulo (gravado, pintura, escultura e deseño industrial). Socio Fundador da Asociación de Artistas Plásticos de Lugo.
A arte de Lugilde é surrealista, pois todas as súas obras teñen unha historia irreal, e todos os elementos que a compoñen, a súa explicación. Non hai nada colocado por casualidade, senón á mantenta. Aos obxectos e á bixutería que incorpora chámalle o autor "kousismo", que define como o xeito de integrar na obra "kousas", de tal xeito que non dane o motivo, por saturación, senón que axude e sexa complementario, que manteña un equilibrio harmónico e que colabore a integrar a mensaxe que se pretende difundir e expresar.
Estas "kousas", que moitas veces aparecen disimuladas con pintura, adoitan ser un fragmento da peza orixinal. Con estas incorporacións, Lugilde pretende enriquecer a obra, dotala de personalidade. Esta operación é oq ue lle dá maís traballo, escoller o que lle vai engadir.
O artista lucense conta historias que representa no lenzo ou nos materiais das súas esculturas, pezas policromadas para enriquecer e para lle dar máis expresividade á obra, unha técnica utilizada dende a antigüidade clásica que continuou ata o século XIX, en que se prescindiu deste recurso para mostrar as calidades, as texturas, as imperfeccións e a beleza intrínseca do material, xa sexa madeira ou pedra.
As súas esculturas tamén esconden unha crítica, unha chamada de atención ou unha mensaxe. Así, "O kabreo de Gaia" é unha alegación en defensa da natureza sometida ao abuso do home que extrae da Terra todas as súas riquezas, representada nun ser non humano, que parece sacado dun cadro do Bosco, pintor ao que admira. Outra peza curiosa é "Divination", unha especie de templo onde están simbolizados a muller e o home, a relación do mundo astral e da adiviñación co dos deuses. En "Erótika do poder" hai unha crítica á "masturbación constante" dos políticos, entendida non dende o punto de vista fisiolóxico, senón figurado de autosatisfacción.