Inauguración da exposición de pintura "Ven, mar, ven", de MERCEDES LENCE
O mar convértese en protagonista da exposición que presenta Mercedes Lence. O mar na súas distintas visións, sensacións e interpretacións; o mar, elemento consubstancial na vida da pintora viguesa. A mostra poderá visitarse ata o 29 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
A nova exposición que a artista galega mostra na Casa de Galicia en Madrid está protagonizada polo mar. Tanto por fragmentos de océano interpretados no seu estado máis salvaxe e libre, é dicir sen límites, sen portas, sen ataduras, como por masas de auga que temperaron a súa fereza e se coan sen facer ruído cara ao interior da xeografía galega a través das súas rías, abaneando acompasadamente para harmonizar coa placidez da paisaxe que as acolle.
Pero ao igual que o mar é cambiante, tamén o son as actuais interpretacións mariñas desta pintora. Malia que nunha lectura superficial e apresurada poderían parecer similares ás súas anteriores creacións centradas na mesma temática, a realidade é que estes novos mares presentan numerosos matices diferenciais. Neles aparecen novas cores, novos enfoques, novas texturas, quizais consecuencia tamén de novas vivencias e de novos modos de se enfrontar á vida e á creación.
Nada hai nas creacións de Mercedes Lence que se poidan clasificar como mariñas; salvo en que o mar aparece interpretado como unha eclosión ou quizais como unha tempestade de cor e materia. Segue sendo un elemento definidor da súa obra a utilización dunha paleta de grande intensidade, que serve para intensificar a carga expresiva das súas creacións e que, neste caso, aparece dominada pola tonalidades frías: turquesas, verdes azuis ultramar. O seu persoal abano cromático faise dono do soporte a través da súa tamén peculiar maneira de abordar a execución técnica con base nunha factura espontánea e libre, que, en ocasións, parece desprazarse suavemente, dun modo plácido sobre o lenzo e, noutras se encrespa igual ca o mar, dando lugar a unhas creacións intensamente matéricas, case táctiles.
Noutras composicións, así como a auga lle dá paso á area, os tons acendidos son substituídos por outros máis sutís: terras, ocres, brancos manchados..., nos que se mantén o mesmo interese por enchelo todo, cun sutil e poético horror ao baleiro. Agora son as pegadas de gaivotas ou quizais doutras aves imaxinadas as que o impregnan todo, as que transitan polo soporte como se camiñasen sen compás, de norte a sur, de leste a oeste... Pegadas que evocan andares pausados e furtivos de animais que se senten donos da natureza cando amañece ou se pon o sol e a presenza do home dá paso ao reino dos trasnos e as sombras.
Por último, tamén se meten na exposición un conxunto de pequenos cadros que nos fan esquecer o seu tímido formato pola forza da súa paleta dominada polos vermellos e vermellóns, intensificados grazas á utilización de vernices que lle confiren un brillo especial á cor.