Ciclo de conferencias "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"

Eventos
02/15/2016
02/15/2016
15/02/2016

Ciclo de conferencias "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"

-

Conferencia do Dr. Xosé Antón Álvarez Salgado (Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, Vigo): "A investigación oceanográfica en apoio da pesca e a acuicultura. Efectos do cambio climático"

Galicia contribuíu de forma sobresaínte ao desenvolvemento da investigación mariña en España. A concentración de investigadores e centros de investigación neste ámbito científico en Galicia sitúana, desde hai anos, na vangarda internacional.

Con este ciclo de conferencias preténdese divulgar a excelencia e a transcendencia desta actividade investigadora como xeradora de innovación e actividade económica e como foco de atracción e irradiación internacional na formación de investigadores.

O ciclo estará composto por un total de seis conferencias que comezan en febreiro e estenderanse ata o mes de abril. Iniciouse cunha primeira charla, na que se deu unha perspectiva global; as tres conferencias seguintes centraranse en áreas concretas escollidas do amplo espectro da investigación mariña galega; e dedicaranse as dúas últimas a senllas institucións que son referencia internacional.

Nesta segunda conferencia "A investigación oceanográfica en apoio da pesca e a acuicultura. Efectos do cambio climático", o Dr. Álvarez Salgado contará cómo desde mediados do século XX, os ecosistemas mariños de Galicia sufriron importantes cambios asociados á actividade humana a escala global.  Así, a temperatura superficial da auga aumentou 0,6 ºC, o nivel medio do mar ascendeu en 17 cm e a intensidade e frecuencia das "nortadas" características da primavera e o verán reducíronse nun 50%.  Estes impactos que están a afectar ao tempo de renovación das rías, a viabilidade das infraestruturas portuarias ou á produtividade pesqueira e marisqueira de Galicia, tanto presente como futura analizaranse en detalle nesta charla.

Coordina este ciclo o Dr. Antonio Villalba García (Centro de Investigacións Mariñas, Xunta de Galicia, Vilanova de Arousa).

XOSÉ ANTÓN ÁLVAREZ SALGADO é doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela, sendo a Oceanografía Química a súa especialidade. Desde 2006 é Investigador Científico do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. Previamente foi investigador contratado no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido.

A súa investigación céntrase no estudo dos ciclos do carbono e os sales nutrientes en augas costeiras, de plataforma e oceánicas do Atlántico Norte, con énfase no ecosistema de afloramiento costeiro de Galicia, tanto desde o punto de vista da explotación dos recursos vivos como do cambio global. Participou en máis de 40 proxectos de investigación nacionais e internacionais, como investigador principal na metade deles. É autor de máis de 100 artigos publicados en revistas internacionais de investigación.

No ámbito da educación, foi profesor en cursos de posgrao das Universidades de Vigo, Las Palmas de Gran Canaria e Menéndez Pelayo e dirixiu 8 teses doutorais.

Pode acceder á información completa deste Ciclo picando aquí.

15 Febreiro 2016
Eventos
Imaxes