Ciclo de conferencias "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"

Eventos
02/04/2016
02/04/2016
04/02/2016

Ciclo de conferencias "GALICIA Á VANGARDA DA INVESTIGACIÓN MARIÑA"

-

Conferencia do Prof. Dr. Uxío Labarta Fernández (Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, Vigo): "A investigación mariña en Galicia, vocación histórica de vangarda".

Galicia contribuíu de forma sobresaínte ao desenvolvemento da investigación mariña en España. A concentración de investigadores e centros de investigación neste ámbito científico en Galicia sitúana, desde hai anos, na vangarda internacional.

Con este ciclo de conferencias preténdese divulgar a excelencia e a transcendencia desta actividade investigadora como xeradora de innovación e actividade económica e como foco de atracción e irradiación internacional na formación de investigadores.

O ciclo estará composto por un total de seis conferencias que comezan en febreiro e estenderanse ata o mes de abril. Iníciase con esta primeira charla, na que se dará unha perspectiva global; as tres conferencias seguintes centraranse en áreas concretas escollidas do amplo espectro da investigación mariña galega; e dedicaranse as dúas últimas a senllas institucións que son referencia internacional.

Coordina este ciclo o Dr. Antonio Villalba García (Centro de Investigacións Mariñas, Xunta de Galicia, Vilanova de Arousa).

O Dr. Uxío Labarta Fernández é Profesor de Investigación no Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC de Vigo. A súa dedicación á investigación en Bioloxía Mariña enfocouse no espazo económico e ecolóxico das rías galegas, en particular no cultivo de moluscos bivalvos, primordialmente o mexillón. Ademais, desempeñou funcións de planificación e xestión da investigación científica española en niveis superiores tanto de Ministerios con competencias en investigación como do CSIC.
 
Ao seu labor científico hai que sumar o seu permanente interese e implicación en ámbitos culturais, sociais e políticos, sendo membro do Plenario do Consello da Cultura Galega e deputado no Parlamento de Galicia na IV Lexislatura (1993-97) e sendo columnista de opinión do diario La Voz de Galicia desde o ano 2002. Autor prolífico no ámbito científico, con máis de 150 artigos en revistas de investigación, así como no ámbito socio-económico, a través de libros de ensaio e artigos de opinión con especial impacto en pesca e acuicultura. Con esta extraordinaria e singular traxectoria profesional de espectro tan amplo, a perspectiva con que o Prof. Labarta pode disertar sobre a pesca, a acuicultura e, en xeral, a investigación mariña é privilexiada.
 
Para coñecer a programación deste Ciclo, pica aquí.
04 Febreiro 2016
Eventos
Imaxes