Concerto de fados "DE PORTUGAL A GALICIA", por María do Ceo, acompañada por Alex Salgado (guitarra portuguesa) e José Salgado (guitarra española)

Eventos
03/10/2016
03/10/2016
10/03/2016

Concerto de fados "DE PORTUGAL A GALICIA", por María do Ceo, acompañada por Alex Salgado (guitarra portuguesa) e José Salgado (guitarra española)

-

Recital no que interpretará fados tradicionais portugueses, clásicos da música galega e temas inéditos, todos eles incluídos no seu novo disco, o decimosegundo, que acaba de publicar co título "De Portugal a Galicia. Fado".

María do Ceo naceu na cidade do Porto (Portugal). O seu pai foi quen a introduciu no mundo do fado, era o que chaman en Portugal un fadista amador, cantaba en casas de fados ata altas horas da noite á saída do traballo.

Con só sete anos a súa familia emigrou a Ourense e desde entón reside na devandita cidade. Ao vivir sempre en Galicia e non relacionarse co mundo do fado de Lisboa fixo que a súa forma de cantar sexa distinta. Soubo adoptar do galego a súa dozura e do portugués a súa melancolía facendo desa mestura unha combinación única. Ela mesma recoñece que non puido aprender nin copiar de ninguén. Os discos de fado que escoitaba eran de Amàlia Rodrigues traídos de Portugal polos seus pais cando viaxaban a visitar á familia.

Empeza a cantar profesionalmente en 1988 pero non é ata 1995 cando funda o grupo galaico-portugués "Alfama" e empeza cun gran éxito as actuacións como solista do devandito grupo.

En xaneiro de 1996 grava un programa de TVE e participa nun concerto benéfico de UNICEF. Ese mesmo ano participa no Festival intercéltico de Loriant.

Forman parte da súa ampla discografía: "Vellas lembranzas" (1998), "Panxoliñas" (2001), "Fado e outras músicas" (2004), "Cartas de Amor" (1997), "Al rescate del alma" (2000), "Dúas Almas do Miño" (2006), "No bico un cantar" (2009), "Celme encantado" (2010), "Fado como outro acento" (2012), e "Soños cumpridos" (2014).

"De Portugal a Galicia. Fado" é un disco dobre con 14 temas cantados en portugués e en galego, no que hai textos de Celso Emilio, Curros Enríquez ou Méndez Ferrín. A cantante quere englobar, así, as dúas culturas.

Unindo as súas múltiples influencias ao sentir portugués e á dozura natural do idioma galego, dotada de calidades vocais excepcionais, envolve de inmediato ao público nun ambiente máxico coa musicalidade arrepiante que lle brota da alma. Cunha sólida carreira internacional foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo tendo sempre o Fado como inspiración primordial.

En 2001 foi convidada a participar na primeira e gran homenaxe póstuma á persoa que máis influíu na súa forma de cantar, Amália Rodrigues, deixando extasiado ao numeroso público presente no Coliseo de Lisboa. A posta en escea é parecida, María do Ceo canta sempre de negro con dous ou tres instrumentos tradicionais, guitarra, viola, guitarra portuguesa e un acordeón para a música popular. Desde 1997, ano en que saíu o seu primiero traballo discográfico, o público puido saborear algúns clásicos imortalizados por Amália Rodrígues, Alves Coelho ou Alberto James, sen olvidar grandes letras baseadas en obras de poetas galegos unindo musicalmente a Galicia e Portugal.

10 Marzo 2016
Eventos
Imaxes