Conferencia "CERVANTES GALEGO?", polo xornalista e escritor Siro López Lorenzo

Eventos
04/21/2016
04/21/2016
21/04/2016

Conferencia "CERVANTES GALEGO?", polo xornalista e escritor Siro López Lorenzo

-

A charla intentará aclarar se, cos datos dos que se dispón, se pode afirmar que Cervantes naceu en Galicia ou en Sanabria. Contrariamente á opinión de autores que defenden o seu nacemento en Sanabria, baseándose na procedencia galega da súa familia, a orixe galega dos seus apelidos ou os xiros gramaticais propios desta zona, Siro López sostén que nada permite facer tal afirmación.

 

Siro López Lorenzo, máis coñecido como Siro, é un recoñecido humorista gráfico, caricaturista e ensaísta nado en Ferrol.

Profesionalmente, comezou como delineante na Bazán, e publicou os seus primeiros debuxos en 1970, na revista Chan (dirixida por Raimundo García Domínguez Borobó). Enseguida especializouse na caricatura e o humor e colaborou asiduamente en diferentes xornais galegos, como Ferrol Diario (en 1971), El Ideal Gallego (1972), La Región (1973), El Norte de Galicia (1980) e, especialmente, La Voz de Galicia, xornal co que traballou desde 1985 ata 2006 como caricaturista político, fundamentalmente. Desde o 2000 coordinou o suplemento de humor da Voz titulado Xatentendo.com.

Entre 1997 e 1999 colaborou en Diario 16 no espazo "Almas del nueve largo", con Xosé Luís Alvite.

Tamén apareceron debuxos seus en distintas revistas (Grial, Teima, Vagalume, Can din dono, Encrucillada e outras) e ilustrando numerosos libros de diferentes autores (Neira Vilas, Chao Rego, Manolo Rivas, Xavier Alcalá, Barreiro Rivas, Helena Villar, etc.).

É o autor das ilustracións dos sete volumes dedicados á antropoloxía dentro do Proxecto Galicia, de Hércules Edicións, e os cinco volumes da serie Mitología editada por Ediciones de la Torre.

Realizou as medallas das coleccións Letras Galegas e Xacobeo 99, en colaboración co escultor Manuel Ferreiro Badía. En 1997 deseñou o selo conmemorativo do Día das Letras Galegas dedicado a Ánxel Fole.

Co tempo, publicou máis de 15 álbums, desde aqueles primeiros "Humor 71" (1971) ou "Probes homes" (1975) ata os últimos, como "Siro 30 anos despois" (2000) ou "Xente na brétema" (2003), á vez que presentou numerosas exposicións, monográficas ou non, dos seus traballos de caricaturas, retratos e o que deu en chamar "figuracións".  Xunto con Xaquín Marín impulsou un manifesto en defensa do humor, do que naceu a idea do que hoxe é o Museo do Humor de Fene. Neste mesmo sentido hai que lembrar que foi o deseñador do proxecto da Praza do Humor, na Coruña, en 1990.

Tamén colaborou desde o principio na radio e na televisión como guionista, realizador ou locutor. En COPE de Ferrol foi guionista e director do programa "O espello", entre 1970 e 1985; en Radio Voz realizou "Corre Carmela, que chove" entre 1993 e 1999; na Televisión de Galicia colaborou en programas como "Mosteiros ou lendas", "Riscos"  (con 50 entrevistas a artistas plásticos galegos) e, en 1990, Imos aló?, o primeiro curso de galego neste medio.

Recibiu, entre outros, os premios Merlín (por dúas ocasións: El Progreso, 1980, e Museo do Humor de Fene, 1996), a Vieira do Humor Gráfico (Enxebre Orde dá Vieira, 1982), o Premio Fernández Latorre (La Voz de Galicia, 1986 Fundación Fernández Latorre), Ferrolán do ano (1991), o Premio Xornalismo (Xunta de Galicia, 1991), a Medalla da Prata de Galicia (Xunta de Galicia, 1997) e o Premio Galicia Comunicación (2001), ademais do xa citado Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro en 2003.

Siro López combinou a creación coa investigación, que trasladou a numerosos ensaios nos que abordou as figuras de Castelao ou García-Lorca. É o autor do único ensaio sobre o humor de Cervantes, "Cervantes, creador do humorismo" (2005) ao que considera creador "do xénero humorismo, ese tipo de humor que se dirixe ao mesmo tempo ao sentimento e á intelixencia, que nos fai sorrir e non rir".

21 Abril 2016
Eventos
Imaxes