Conferencia-concerto "ALÉN DO MAR", polo músico e investigador Óscar Ibáñez

Eventos
07/04/2013
07/04/2013
04/07/2013

Conferencia-concerto "ALÉN DO MAR", polo músico e investigador Óscar Ibáñez

-

Este especialista en música tradicional galega falará sobre as músicas de ida e volta, o atlantismo, a temática da emigración galega a América Latina e as relacións culturais orixinadas nas dúas beiras. Durante a charla, haberá audicións comentadas e interpretaranse algúns temas con gaita e frauta en vivo.

Óscar Ibáñez (Pontevedra, 1976) centrará a súa charla-concerto na gaita galega e, especialmente, nos temas que conforman o seu recente disco "Alén do Mar". Trátase do seu primeiro traballo discográfico en solitario. Neste disco, o gaiteiro e frautista pontevedrés invítanos a unha viaxe sonora que discorre polo Atlántico cheo de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta.

Óscar Ibáñez mestura muiñeiras ancestrais recollidas polo gaiteiro boticario Perfecto Feijóo, composicións celtas do virtuoso violinista Manuel Quiroga, ou un tema dedicado ao pirata da Moureira, Benito Soto, co arin-arin, un xénero que se xerou no Camiño de Santiago Norte ou Camiño da Costa ao seu paso por Euskadi, o flamenco e outras músicas denominadas de ida e volta como a habanera, o choro, o vals venezolano ou o tango, que encontrou noutra ribera.

Este colorido e enérxico traballo de Óscar Ibáñez aposta polo irmandamento de culturas e reflicte as influencias recibidas por este mestre gaiteiro ao longo dos últimos quince anos da súa carreira, desenvolvida en máis de trinta países de Europa. No disco, Ibáñez conta coa colaboración da súa banda "Tribo" e inclúe colaboracións de artistas de renome de Galicia, Navarra, Irlanda, Cuba, Arxentina, Venezuela, País Vasco, Andalucía ou Brasil.

Óscar Ibáñez, experto, docente e profesional da gaita galega e a súa tradición, iniciou andadura co grupo "Treboada" e desde 1995 dirixe o "Grupo de Música Tradicional Pai da Cana". Os seus contactos con gaiteiros do Arco Atlántico desenvólvense en diversos concursos internacionais como o Macallan-McCrimmon de Lorient e realiza diversos talleres musicais para o mundo da emigración por centros galegos repartidos polo mundo enteiro. A súa música, ademais de nos seus propios traballos, está presente en numerosas colaboracións.

Algúns títulos como "O pirata da Moureira", "Arin-Arin", "Bicho carpinteiro", "Xota de Forcarei" ou "Muñeira do Marreco" están incluídos nol excelente repertorio de exquisito trato do seu disco "Alén do Mar".

04 Xullo 2013
Eventos
Imaxes