Conferencia "A VÍA LÁCTEA E O CAMIÑO DE SANTIAGO", por María Victoria Veguín Casas, catedrática de Matemáticas

Eventos
04/13/2016
04/13/2016
13/04/2016

Conferencia "A VÍA LÁCTEA E O CAMIÑO DE SANTIAGO", por María Victoria Veguín Casas, catedrática de Matemáticas

-

A charla está baseada no libro de recente publicación “LA VÍA LÁCTEA. Camino de dioses, almas y peregrinos (Camino de Santiago)”, de Bohodón Ediciones.

Desde cando se vincula a Vía Láctea co Camiño de Santiago? Estivo esta mancha esbrancuxada  no ceo asociada a outros camiños de peregrinación na antigüidade? Que mitos e lendas crearon sobre ela culturas tan diversas como a exipcia, a védica, a chinesa, a xaponesa, a armenia, a grega, a romana, as culturas mesoamericanas ou o pobo Cherokee? Como evolucionou o coñecemento científico sobre o Círculo Lácteo ao longo dos séculos? Estas son algunhas das preguntas que se formulou a autora e que tratará de esclarecer nesta conferencia.

Mª Victora Veguín fará un percorrido a través das concepcións de diversos pobos sobre a Vía Láctea na Antigüidade, ofrecerá unha visión dos avances científicos no coñecemento da Vía Láctea a partir da Idade media; e fará referencia á lenda cristiá que asocia o Camiño de Santiago cun camiño de estrelas e que se narra no Códice Calixtino.

Por outra banda, analizará as especulacións sobre como puido fraguarse a asociación entre a Vía Láctea e varios camiños de peregrinación en España e Inglaterra dando diversas hipótesis e tamén fará fincapé no papel que as estrelas xogaron no nacemento da ciencia e da literatura así como a influencia da Vía Láctea en diversas manifestacións artísticas relacionadas coa peregrinación xacobea.

María Victoria Veguín Casas, licenciada en Ciencias Matemáticas pola Universidade Complutense de Madrid e licenciada en Psicoloxía, exerceu a docencia como catedrática de matemáticas na IES Beatriz Galindo de Madrid.

Tamén desempeñou durante varios anos tareas de orientación escolar participando en diversos proxectos de innovación educativa en un Centro de Profesores. No ano 1989 peregrinou por primeira vez a Compostela sendo o Camiño de Santiago, a partir de entón, un dos seus centros de interese. En 1998 publicou “Matemáticas  y Camino de Santiago”, o primeiro texto que trataba este tema na bibliografía xacobea e sobre o que impartiu diversas conferencias.

Durante máis de dez anos colaborou na revista dixital profes.net de SM e puntualmente na revista Peregrino e en Divulgamat. En 2010 publicou “Historia das Matemáticas na Península Ibérica (desde a Prehistoria ao século XV)”.

13 Abril 2016
Eventos