Conferencia "ROSALÍA DE CASTRO: UNHA ESCRITORA REVOLUCIONARIA" por Diego Pardo Amado, Doutor en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade da Coruña

Eventos
09/28/2015
09/28/2015
28/09/2015

Conferencia "ROSALÍA DE CASTRO: UNHA ESCRITORA REVOLUCIONARIA" por Diego Pardo Amado, Doutor en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade da Coruña

-

Culta, cunha formación moi superior ás mulleres do seu tempo, fundadora da literatura galega contemporánea, feminista, revolucionaria, universal... son aspectos de Rosalía de Castro sobre os que disertará o filólogo coruñés Diego Pardo Amado nesta conferencia.

Para Pardo Amado, Rosalía de Castro é unha escritora ‘revolucionaria" non só polas súas intervencións políticas, culturais e en defensa do idioma, senón tamén polo particular protagonismo e tratamento que adquire na súa obra a defensa da muller, que a fai partícipe das teorías emancipadoras que propugnaban a igualdade entre xéneros fronte aos modelos de dominación hexemónicos.

Identifica na obra de Rosalía de Castro unha profunda crítica do matrimonio e unha proposta igualitaria derivada da súa denuncia da subxugación feminina manifesta en diversos ámbitos.

Fronte á clara situación de dependencia e dominación da muller respecto do home, a obra rosaliana contén un proxecto de igualdade e unha crítica das perversións ligadas aos matrimonios convencionais da época.

A conferencia de Diego Pardo Amado concíbese, pois, como un intento de iluminar unha das aspiracións emancipatorias contidas na obra rosaliana, neste caso a feminista.

Diego Pardo nace na Coruña en 1983. É Doutor en Filoloxía galego-portuguesa e Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña. Foi integrante do equipo que levou a cabo o proxecto «Recuperación e análise de textos icónicos e escritos no xornal do exilio España Popular (1941-1965)» e realizou unha estadía investigadora na Universidad del Salvador (Buenos Aires).

Con anterioridade, foi profesor de Secundaria e Bacharelato no Colexio Santa María do Mar (A Coruña) e no Colexio Fingoi (Lugo), cuxo Servizo de Dinamización Lingüística dirixiu.

Co apoio da Fundación Barrié e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, especializouse en Xornalismo pola Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia no período 2011-2012. Interesado pola literatura decimonónica, publicou os ensaios Rosalía e Murguía na procura da patria soñada (Lóstrego, 2010) e Rosalía de Castro. A luz da ousadía (Laiovento, 2009).

Colabora con artigos en prestixiosas revistas especializadas e publicacións de carácter divulgativo. Desde outubro de 2012 traballa no John Rutherford Centre for Galician Studies da University of Oxford (Reino Unido).

28 Setembro 2015
Eventos
Imaxes