Conferencia "ROSALÍA DE CASTRO: UNHA ESCRITORA REVOLUCIONARIA" por Diego Pardo Amado, Doutor en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade da Coruña
Culta, cunha formación moi superior ás mulleres do seu tempo, fundadora da literatura galega contemporánea, feminista, revolucionaria, universal... son aspectos de Rosalía de Castro sobre os que disertará o filólogo coruñés Diego Pardo Amado nesta conferencia.
Para Pardo Amado, Rosalía de Castro é unha escritora revolucionaria" non só polas súas intervencións políticas, culturais e en defensa do idioma, senón tamén polo particular protagonismo e tratamento que adquire na súa obra a defensa da muller, que a fai partícipe das teorías emancipadoras que propugnaban a igualdade entre xéneros fronte aos modelos de dominación hexemónicos.
Identifica na obra de Rosalía de Castro unha profunda crítica do matrimonio e unha proposta igualitaria derivada da súa denuncia da subxugación feminina manifesta en diversos ámbitos.
Fronte á clara situación de dependencia e dominación da muller respecto do home, a obra rosaliana contén un proxecto de igualdade e unha crítica das perversións ligadas aos matrimonios convencionais da época.
A conferencia de Diego Pardo Amado concíbese, pois, como un intento de iluminar unha das aspiracións emancipatorias contidas na obra rosaliana, neste caso a feminista.
Diego Pardo nace na Coruña en 1983. É Doutor en Filoloxía galego-portuguesa e Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña. Foi integrante do equipo que levou a cabo o proxecto «Recuperación e análise de textos icónicos e escritos no xornal do exilio España Popular (1941-1965)» e realizou unha estadía investigadora na Universidad del Salvador (Buenos Aires).
Con anterioridade, foi profesor de Secundaria e Bacharelato no Colexio Santa María do Mar (A Coruña) e no Colexio Fingoi (Lugo), cuxo Servizo de Dinamización Lingüística dirixiu.
Co apoio da Fundación Barrié e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, especializouse en Xornalismo pola Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia no período 2011-2012. Interesado pola literatura decimonónica, publicou os ensaios Rosalía e Murguía na procura da patria soñada (Lóstrego, 2010) e Rosalía de Castro. A luz da ousadía (Laiovento, 2009).
Colabora con artigos en prestixiosas revistas especializadas e publicacións de carácter divulgativo. Desde outubro de 2012 traballa no John Rutherford Centre for Galician Studies da University of Oxford (Reino Unido).