Conferencia "UN ENIGMA DESVELADO: O PERGAMIÑO VINDEL", pola Dra. Mariña Arbor, profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela

Eventos
10/10/2016
10/10/2016
10/10/2016

Conferencia "UN ENIGMA DESVELADO: O PERGAMIÑO VINDEL", pola Dra. Mariña Arbor, profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela

-

Esta conferencia celébrase dentro do marco da exposición "Tesouros bibliográficos (s. X-XVI): A arte e o xenio ao servizo do poder" que desde o día 4 ao 28 de outubro poderase visitar nesta Delegación.

De finais do século XIII, o Pergamiño Vindel é unha das xoias máis valiosas da poesía medieval galega e contén as sete Cantigas de Amigo escritas por Martín Codax, as únicas coñecidas con notación musical.

Esta obra, que ofrece sete cancións postas en boca dunha moza que espera ao seu amante ausente na ría de Vigo, con notación musical monofónica para seis delas, poderá contemplarse no marco da mostra que ao longo do mes de outubro exponse nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid.

As evidencias paleográficas e de notación musical que presenta e as similitudes entre as seis melodías de Martín Codax e a música dalgunhas das Cantigas de Santa María fan supoñer que o xograr galego estivo asociado ás cortess castelás de Alfonso X o Sabio e Sancho IV.

Conservado actualmente en The Morgan Library & Museum, en Nova York, este pergamiño foi achado en 1914 por un anticuario madrileño do que recibiu o seu nome, Pedro Vindel, e trátase dun folio volante, preparado con delicadeza por dous rubricadores, dúas copistas e un músico, destinado a un agasallo ou un intercambio entre poetas.

As cantigas de amigo constitúen o xénero máis orixinal da lírica galego-portuguesa. Pertencentes ao xénero europeo da canción de muller, nestas pezas, breves e frescas, a doncela namorada, a amiga, relata as súas vivencias, as súas ansias e os seus pesares, ben nun monólogo, ben nun diálogo coas amigas, as irmás ou a nai, dirixíndose tamén á natureza. A natureza -as ondas do mar de Vigo, no caso da lírica de Martin Codax-, dotada dunha intensa carga simbólica, tingue cun forte erotismo os poemas.

Ata a aparición do Pergamiño Vindel, as únicas cantigas galego-portuguesas coñecidas que contiñan melodía eran as Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio, de temática relixiosa. A posteriori, descubriuse o Pergamiño Sharrer (finais do s. XIII ou principios do s. XIV), con sete cantigas do rei don Denis de Portugal, pertencentes á lírica profana, pero situadas dentro do xénero das cantigas de amor.

O Pergamiño Vindel consta dun folio volante, preparado con delicadeza e finura, destinado a un agasallo ou un intercambio entre poetas. A rúbrica co nome de «Martin codax» aparece no extremo da marxe superior esquerda do pergamiño.

10 Outubro 2016
Eventos
Imaxes