Inauguración da exposición "ARQUITECTO DANIEL VÁZQUEZ GULÍAS MARTÍNEZ"
Trátase dunha exposición que dá a coñecer unha parte da obra do arquitecto ourensán Vázquez-Gulías, así como dos seus obxectos persoais.
A mostra celébrase coa colaboración do Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías M., que ten como obxectivo a promoción e difusión da obra realizada por Daniel Vázquez Gulías tanto a nivel arquitectónico como documental, industrial e material.
Daniel Vázquez Gulías Martínez (1869-1937), nacido en Beariz (Ourense), estudou a carreira de Arquitectura en Madrid e ampliou os seus estudos en Viena e Berlín, onde se familiarizou coas inquietudes e movementos artísticos da época. Viaxou por países como Siam, Estados Unidos, Cuba, París, Berlín e Budapest.
Foi arquitecto municipal e diocesano de Ourense; pasando os últimos anos na Coruña como arquitecto do catastro.
Faleceu nesta cidade e os seus restos atópanse no panteón famiiar deseñado por el mesmo, no cemiterio de San Francisco de Ourense.
A figura e a obra de Daniel Vázquez-Gulías son unha referencia para Ourense e para Galicia. A cidade auriense conserva edificios emblemáticos do arquitecto como a Casa Junquera e a casa de Fermín García (actualmente Sede e Centro de exposicións de Afundación), o Hotel Miño, a farmacia Saco y Arce, a Casa Novoa, o colexio Santo Ángel ou o edificio da actual delegación de Defensa, e alberga espazos como a Praza Maior ou a Alameda que seguen mantendo o seu legado.
Fóra da provincia consérvanse algunhas actuacións ineludibles á hora de abordar a mestría do arquitecto: o edificio do Gran Hotel da Toxa ou o Centro Galego da Habana son algúns desas iconas.
Rexionalismo, nacionalismo, modernismo (coas múltiples influencias europeas) están presentes na obra de Vázquez-Gulías, como en case todos os arquitectos da súa xeración, a do 98. Canteiros, ferreiros, carpinteiros, excepcionais artesáns, colaboraron co arquitecto na enriquecedora fusión entre o culto e o popular que caracteriza a súa obra.