Inauguración da exposición de debuxo e pintura "VIVENCIAS", de Elsa Pérez Vicente
A artista arxentina, residente en Gondomar, é unha pintora diferente, especial, que se caracteriza polos seus debuxos estilizados e suaves que trasuntan a delicadeza da súa alma. Esta mostra poderá visitarse ata o 28 de xuño, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
ELSA PÉREZ VICENTE nace en Bos Aires (Arxentina) en 1927, nunha familia de inmigrantes españois. Estuda na Escola Nacional de Belas Artes "Prilidiano Pueyrredón" e é premiada pola Academia Nacional de Belas Artes da Universidade de Tucumán na asignatura de Debuxo. Continúa a súa formación no Taller do Pintor Demetrio Urrunchúa. O mestre buscaba que cada alumno desenvolvese a súa personalidade, non impartía unha educación academicista, senón que orientaba ao alumno para que expresara o que sentía no seu interior. Estando no taller, Urruchúa seleccionouna como axudante para colaborar na pintura do Mural da Galería San José de Flores, no barrio de Flores en Bos Aires. Tamén obtivo outros premios como o Primeiro Premio "Debujo" no Salón "40 Aniversario" da Sociedade Arxentina de Artistas Plásticos en 1965 e o Premio ao Conxunto de Obra, "Plaqueta Worms", Salón Nacional de Santa Fe, en 1966.
Casa co pintor de Vigo Antón Abreu Bastos, emigrante en Bos Aires. En 1973 percorre en viaxe de estudos España, Francia, Italia, Holanda e Inglaterra.
Radícase en Vigo en 1977 e adquire a cidadanía española. Realizou dezanove exposicións individuais e participou en colectivas en Arxentina, EE.UU., España e Portugal. Fixo retratos, ilustracións de libros e pinturas murais, cuxa técnica ao "fresco" aprendeu co mestre Urruchúa.
Actualmente vive en Vilaza-Gondomar, preto de Vigo, onde segue pintando coa lucidez e o tesón dunha adolescente.