Inauguración da exposición de fotografía OS ADEUSES. Fotografías de Alberto Martí
Esta mostra componse de 73 fotografías en branco e negro realizadas polo retratista coruñés Alberto Martí Villardefrancos, que reflicten o éxodo galego cara a América entre os anos 1957 e 1963 desde os portos da Coruña e Vigo. Estas imaxes, protagonizadas por xente anónima e polas súas experiencias arredor do embarque ou desembarque dos buques que os levaban a América, poderán contemplarse ata o 29 de decembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
"Os adeuses. Fotografías de Alberto Martí" é unha exposición que recrea en imaxes o éxodo galego cara a América nas décadas dos anos cincuenta e sesenta do século XX, desde os portos de Vigo e A Coruña, e o posterior regreso a Galicia.
As 73 fotografías están distribuídas en tres áreas: A Ida, A Volta e O buque Santa María, e reflicten as experiencias das despedidas de moitos galegos emigrantes a América nas décadas anteriormente mencionadas.
Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) é considerado un "retratista de historias humanas" e cada unha das fotografías que conforman esta exposición desborda emoción, sentimento, frescura e naturalidade. Alberto Martí leva máis de 70 anos dedicado á fotografía, e traballou durante 50 anos como reporteiro de La Voz de Galicia. Recibiu gran cantidade de premios nacionais e internacionais, en cidades como Madrid, Barcelona e Bos Aires, e parte da súa obra está publicada nun libro monográfico editado polo Concello da Coruña. A selección de imaxes procede dos innumerables negativos do arquivo de Martí, imaxes menos coñecidas polo público e instantes para o recordo daqueles que foron actores ou espectadores da emigración.
Con estas fotografías, Alberto Martí foi enchendo de forma sistemática e paciente a súa cámara fotográfica de figuras e de sentimentos, de esperanzas e de tristezas. O que aquí se mostra é unha etapa ben concreta da emigración americana. Este fenómeno representou un proceso cheo de luces e sombras pero que constituiu un dos aspectos fundamentais da historia contemporánea galega porque afectou a todas as facetas da vida económica, política e social. O título da exposición simboliza o mundo dos sentimentos que acompañaron a persoas, baúles, fardos e maletas grabándoos para sempre na memoria colectiva.
A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Secretaría Xeral de Medios da Presidencia da Xunta de Galicia exporase desde o 3 ata o 29 de decembro na Casa de Galicia en Madrid.