Inauguración da exposición de Humor de RUFUS (Carlos G. Reigosa e Leopoldo Fernández Ortega)
Esta exposición é un claro exemplo da sátira gráfica: a unión da delicadeza formal do debuxo levemente acuarelado, acompañado de inxeniosos e intencionados textos que satisfacen tanto o gusto estético do que o contempla como o apetito intelectual do lector. A mostra poderá visitarse ata o 31 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
O humorista gráfico RUFUS naceu no Camiño de Santiago no ano 1979. Foi cristianado en Lugo co nome de Rufus T. Firefly, que era o de Groucho Marx na película "Sopa de ganso". Co paso do tempo deprendeuse dos seus apelidos e compareceu en sociedade tan só como Rufus. Sábese que lle gustaba pasar o tempo en compañía de periodistas, e que deles aprendeu a ser escéptico, desconfiado, irónico e, ás veces, satírico. Así naceu o seu humor.
O experimento de Rufus deu o seu primeiro froito ao gañar en novembro de 1982 o II Concurso de Debuxo Humorístico O Merlín. Para Rufus, "o humor é unha forma de reflexionar sobre a realidade, pero non a máis divertida. Porque o humor non é un estado de ánimo; case sempre é fillo do malhumor, do descontento ou da tristeza polo que é e non debera ser. Nestes casos, o humor é como unha descarga da alma."
A partir de entón, Rufus converteuse nun Guadiana da sátira gráfica que emerxeu e desapareceu en numerosas ocasións e en distintas publicacións. Nin sequera os seus biógrafos máis clandestinos son capaces de dar cumprida conta da súa verdadeira traxectoria.
Agora maniféstase nesta exposición, por sorpresa, como en anteriores ocasións. E déixanos unha mostra da súa obra máis recente, sen pistas de onde vén nin adónde vai. Sábese tan só que detrás están o escritor e periodista Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, Lugo, 1948) e o pintor e infógrafo Leopoldo Fernández Ortega (Reinosa, Cantabria, 1951), pero non hai datos específicos sobre a aportación -tal vez imaxinable- de cada un no centenar de sátiras gráficas que agora se expón.
A inauguración desta exposición será presentada por D. Darío Villanueva, académico e secretario xeral da Real Academia de la Lengua Española, e D. Antón Prieto, pintor.