Inauguración da exposición de pintura "AS CORES DA MEMORIA", de Caino
Pintor autodidacta. Os seus cadros son acción da alma na cor; as súas figuras buscan a tenrura do espectador; nas paisaxes, o pintor decídese pola simplificación abstractiva, logrando unha sublime harmonía de cores e formas. A exposición poderá visitarse ata o 26 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
CAINO (Val Miñor, Pontevedra, 1948). Comeza a súa carreira en Inglaterra na década dos 70, con gran éxito. Alí comeza a conformarse o que será o actual artista. Nesta época vólvese inquieto, quere aproveitar ao máximo o seu tempo, visita asiduamente a National Gallery e a Tate Gallery, onde estuda de forma visual a pintura moderna e os clásicos, ao tempo que realiza exposicións cun grupo de pintores en Hyde Park.
Despois da súa experiencia inglesa, instálase definitivamente en Baiona (Pontevedra), a súa vila, e dedícase ao ensino un curto periodo de tempo. Combina unha temporada o óleo, a acuarela e a plumiña, realizando ilustracións de infinidade de libros e colaborando coa prensa cos seus debuxos e pinturas.
Posúen obras súas importantes coleccións de Inglaterra, Francia, España, Italia, Estados Unidos, Portugal e Arxentina.
A pintura de Caino é tributaria do románico, de pórticos... recreando infancias a golpe recio de espátula, recollendo amores de nai, nostalxias de romarías galegas, infancias galegas, amores galegos...
Os cadros de Caino Vasconcellos son acción da alma na color. As súas representacións, máis lixeiras có universo real, van deixando o valor profundo, que alude ao poder inherente do sobrenatural sobre o peso da súa terra, Galicia.
O seu onirismo, cheo de luz, deixa paso ao pintor. As súas figuras e paisaxes buscan a tenrura do espectador, dentro dunha personalidade que irradia.
O artista vainos deixando un anaco da súa alma en cada pincelada; conexión con eses artistas que defenden poéticas en claro contraste co pasado, configuradas entorno a unha idea estilística común, elaborada e aplicada a toda a súa produción en forma de manifesto de "acción", auténtica declaración de intencións creativas.
Curioso observador da realidade, Caino é capaz de sintetizar, con orixinalidade, as propostas vangardistas co concepto metamórfico no que a arte flúe con coherencia.