Inauguración da exposición de pintura "A MAR EN ACUARELAS", de Miguel A. Camarero Suanzes
A obra de Miguel Camarero é ante todo unha memoria visual dos mares e mariños que o habitan. Faros, praias, estaleiros, bahías, cabos, tantas historias compartidas baixo un común denominador: o papel de acuarela. Esta exposición poderá ser visitada ata o 29 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Miguel Camarero naceu en A Coruña no ano 1950. Mariño e pintor, toda a súa vida estivo vinculada profundamente á mar, como capitán de distintos barcos, profesor na Escola de Náutica e como práctico no porto de Tarragona. Pero esta relación non se limita unicamente ao profesional; tamén como artista, o mar protagoniza a súa obra. Terranova, Groenlandia, África do Sur,… a todos estes lugares viaxaba sempre acompañado da súa caixa de acuarela e cadernos de bosquexos, nos que recompilaba imaxes, sensacións e recordos dos seus mares, terras e xentes.
Cos anos recala en terra, exercendo como práctico en pequenos portos en Fisterra e patrón voluntario nas embarcacións de salvamento da Real Sociedade Española de Salvamento de Náufragos. Posteriormente trasládase como práctico á costa mediterránea, onde continúa pintando e practicando surf cando as condicións son as propicias.
A omnipresencia da natureza e a brillantez da luz caracterizan a obra deste pintor galego. A través dos seus cadros pretende transmitir sensacións e cantas máis agradables sexan, mellor. O autor relata historias dos tempos de antaño; un mundo de vela e vapor, unha xeración de grandes viaxes transoceánicas, unha etapa dourada da que a evolución tecnolóxica nos afastou.
Nos seus temas marítimos o Atlántico atópase eternamente presente. Horas de observación e apuntamentos serviron para que capte a esencia da formación das súas olas. Tamén reflicte a dureza dunha vida que depende do mar; o desamparo dun percebeiro ante o océano, a aparición dun iceberg ou dun faro solitario, símbolo de refuxio. A súa obra une a beleza da natureza e un mundo que é eternamente cambiante e comprometido.